«Come a comarca» exalta a gastronomía da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Numerosas persoas seguiron na praza de España a gravación do concurso que será emitido por TVG

02 nov 2019 . Actualizado a las 11:20 h.

A praza de España de Monforte converteuse onte no escenario da gravación do terceiro episodio de Come a comarca, un concurso de cociña producido por Voz Audiovisual que será emitido por Televisión de Galicia, dedicado neste caso á gastronomía da Ribeira Sacra. A competición, que comezou ás doce do mediodía, foi seguida por numerosas persoas. Para este episodio, un equipo de cinco cociñeiros locais e outro de foráneos co mesmo número de integrantes elaboraron varios pratos representativos deste territorio que despois foron degustados e votados por un xurado escollido para a ocasión. O menú elaborado por ambos equipos estaba composto por sopa de allo, corzo estufado e larpeira. O primeiro prato e o postre foron escollidos por ser típicos da gastronomía de Monforte, mentres que o segundo foi seleccionado como elemento representativo da cociña de caza propia do interior lucense.

O equipo local, denominado «Equipo da Comarca», estivo formado por Simón Otero -do restaurante Abadía Don Simón-, Xacobo García -do Parador de Monforte- e Luis Aguiar, da panadería Moure. Xunto a eles competiron como axudantes de cociña Carmela Rodríguez e Fran Prada, que acompañaron respectivamente a Otero e García. O equipo foráneo, ou «Equipo do Programa», estivo formado por profesionais e afeccionados de diferentes partes de Galicia que foron seleccionados polos responsables do programa. Para elaborar os pratos, estes últimos contaron co asesoramento previo dun «infiltrado» experto na gastronomía local, de acordo coas normas do concurso. Este papel correspondeulle ao chef Carlos González, responsable do restaurante soberino Merenzao. O condutor do programa, Fran Cañotas, encargouse de presentalos a todos e de comentar a competición a medida que se desenvolvía.

Dez minutos de diferencia

O equipo foráneo -como deferencia por ser o dos visitantes- foi o primeiro en comezar a traballar e contou cun prazo de noventa minutos para elaborar a totalidade do menú. Os cociñeiros locais iniciaron o labor dez minutos máis tarde e traballaron durante oitenta minutos. O público puido presenciar todo o proceso de forma directa e tamén -con máis detalle- a través de dúas pantallas de gran formato que mostraban as imaxes que ían recollendo as cámaras. Moitos espectadores rexistraron as súas propias imaxes con cámaras de fotos e teléfonos móbiles. Mentres observaban o labor dos cociñeiros, numerosas persoas comentaron entre elas os detalles que lles chamaban a atención, como a forma de cortar as cebolas ou de preparar a masa da larpeira.

Unha vez que os dous equipos terminaron o seu traballo, os pratos foron degustados por un xurado integrado por veciños da comarca. Entre eles estiveron varios membros das asociacións Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e Xograres de Lemos, os concelleiros Gloria Prada e José Luis Losada e o adegueiro e restaurador Emilio Rodríguez. A última parte do concurso celebrouse no interior da Casa da Cultura debido a que a chuvia se presentou inoportunamente entre as dúas e media e as tres da tarde.

Neste local levouse a cabo a votación do xurado. Para saber cal dos dous equipos foi o gañador haberá que esperar a ver este episodio de Come a comarca, que constará de trece capítulos gravados en diferentes partes de Galicia. A data de emisión anunciarase no debido momento.