«A miña temporada foi de notable»

A atleta monfortina conquistou tres campionatos de España e un bronce a nivel internacional


monforte / la voz

A campioa de España de salto de altura, a monfortina Saleta Fernández, gozará hoxe do día grande das festas patronais. A nova atleta aproveita estas datas para descansar despois dunha temporada longa e intensa. Fernández analiza a campaña e fala dos seus obxectivos. Tamén aporta información sobre a súa faceta humana.

-¿Como vive vostede as festas patronais?

-Con intensidade. Aínda que non son moito de festas, estas datas aprovéitoas para gozar coa familia e cos amigos, e para pasalo ben. O día 15 de agosto gústame estar na miña casa cos meus e saír. Pero, sobre todo faime moita ilusión ver como se enche de xente Monforte. É unha gozada ver o tirón que ten a Ribeira Sacra.

-É hora de facer balance, ¿como puntúa a temporada?

-Á miña campaña póñolle un 8,5. Sería de sobresaliente se conseguise o ouro no último campionato de España, pero unha lesión impediume acceder ao podio. E poderíamos poñerlle matrícula se ademais me clasificase para o Europeo de Berlín.

-Logrou tres campionatos de España, pulverizou en dúas ocasións o récord galego absoluto e ademais conseguiu unha medalla de bronce no ámbito internacional, ¿cales lle fixeron máis ilusión?

-Os éxitos nos campionatos de España de pista cuberta e a medalla de bronce que obtiven nos Xogos do Mediterráneo, porque foi a primeira que logrei a nivel internacional.

-O campionato absoluto tivo moito mérito.

-Si, porque foi o primeiro que conquistei despois da retirada de Ruth Beitia. Ese título de campioa ostentábao ela.

-O talento é fundamental, pero hai outros factores que inflúen na traxectoria que leva vostede, ¿cales son?

-O talento é moi importante, pero se o tes e non eres sacrificado non che serve de nada. Os factores claves son o traballo, a constancia e a humildade. Se sumas os catro factores tes moitas posibilidades de acadar os éxitos. De todos os xeitos, teño que dicir que no deporte dous máis dous non son catro.

-¿Gústalle que a comparen con Ruth Beitia, que dixo que vostede era a súa sucesora?

-Para min é un orgullo que me comparen con ela, pero Ruth Beitia só hai unha. O que conseguiu ela non o vai a lograr ninguén, porque saltar dous metros son palabras maiores. Ela marcoume moito, e débolle todo o que me ensinou neste deporte. Que Ruth me acollese na súa casa foi o máximo, porque dende que comecei a competir sempre foi o meu espello.

-¿A que nivel está España no salto de altura?

-Estamos a un bo nivel, pero temos duros competidores como son Ucraína e Rusia. Teño que dicir que un europeo é máis difícil que un mundial en salto de altura, porque os mellores atletas están no noso continente. Por exemplo, en carreira de fondo é o revés, porque nos campionatos do mundo están os deportistas de Kenya.

-Xa queda pouco para encetar unha nova temporada, ¿cales son os seus obxectivos?

-O meu principal obxectivo é acabar a miña etapa sub-23 gañando os dous ouros no campionato de España, e loitar por estas medallas nos absolutos. Tamén quero clasificarme para o Europeo sub-23 e acceder ao podio.

-¿Imaxínase converterse na primeira olímpica monfortina?

-Iso son palabras maiores. Non sei o que vai pasar o ano que vén. Estar ou non nuns Xogos Olímpicos depende en gran medida de como te atopes o ano antes da cita. É verdade que me gustaría ser a primeira monfortina en estar nuns Xogos Olímpicos, pero tampouco me obsesiono.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«A miña temporada foi de notable»