Asma, a lenda do río sen nome

Rodrigo Fernández
ROI FERNÁNDEZ CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O principal curso fluvial do municipio de Chantada non ten un só sinal que o identifique

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non poido deixar de facerlle unha chiscadela a aquela divertida película de Joshua Logan, Paint your wagon, porque do que quero falar non é dunha cidade sen nome senón máis ben dun río sen nome. Un río errante como a estrela do fermoso tema da banda sonora do filme titulado Wandering star.

Xa pode un cruzar pola estrada de Furco a Oseira ou pola ponte de Abelairas, pola ponte Agrelos, pola de Rubiás, pola de Esmoriz, pola de Burgás ou polos pasares de Viana, tamén pola vella ponte de madeira do muíño do García, incluso pola ponte do Solar e máis pola do Neto, pola ponte de Asper e si, tamén pola ponte do Seixo e polos pasares do Sangoñedo e os das Fonteiriñas, pola transitada Ponte Nova, pola pasarela da Alameda e pola que así se chama, a ponte da Ponte. Pola do Crispín non, porque se derrubous hai xa moitos anos, pero si e incriblemente podes cruzar por riba da presa do Gallardo pola ponte da estropeadísima estrada N-540, polos pasares da Adaúlfe ou pola ponte Meixide, do mesmo xeito pola ponte de Tarrío e pola das Ouvenzas. Para rematar tamén se pode atravesar o río pola pasarela da central eléctrica pouco antes de que morra no Miño. Pódese atravesar por todas eses puntos, que se un non é destas terras, non ha saber o nome do río que atravesa, porque non hai ningún letreiro que poña o seu nome.

Nome de parroquias

É o río Asma que lle dá nome a unha parroquia de Carballedo, -Santa Cristina de Asma- e a catro de Chantada -Santa Uxía de Asma, San Xurxo de Asma, San Salvador de Asma e San Fiz de Asma- e que lle deu nome tamén a parroquias de Taboada como a de Castelo. Tamén dicimos «a vila do Asma» para referirnos á capitalidade deste concello.