Vivir non era o paraíso

Diego Taboada SOCIÓLOGO

LEMOS

09 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Narón: un concello con historia de seu, é unha triloxía de Andrés Pena Graña. Síntome agradecido con Andrés pola súa amizade e xenerosidade e por descubrirme, sen lugares comúns nin estereotipos de merchandishing, todo o que podemos ou non podemos cualificar como certo sobre a orixe, evolución e pegada da cultura céltica do Atlántico Europeo na Galiza. Algo esperanzador e incerto acontece na miña conciencia: a convicción de que extramuros da romanidade sociolóxica, a latinidade lingüística e a cristiandade confesional, existe un vastísimo relato agochado sobre o que a Galiza e a península Ibérica foi, é ou pode chegar a ser se asume ese relato agochado. Non esculcar dende este punto de partida metodolóxico, sería, en palabras de Boaventura de Sousa Santos, un indecente recorte de realidade na historia cultural desta península á que José Saramago alcumou narrativamente coma A jangada de pedra. Persoalmente, teño claro cara onde si e cara onde non debo esculcar.

Veño de ler unha entrevista a Julia Varela, socióloga chantadesa, nun medio dixital. Debo manifestar a miña perplexidade ante as súas conclusións sobre a convivencia rural pretérita das xentes de Chantada e contorna. Cando afirma que «as relacións no noso rural non eran capitalistas» pode un entender isto no senso de ausencia de industrialización, de predominancia de relacións laboral-contractuais entre patróns e asalariados na xeografía rural dos anos 70-80, mais Julia non ten en conta a importancia dun feito cultural que ela mesma visualiza: o proceso de concentración de escolas vilegas e o menosprezo que os rapaces do rural sufrían nas mesmas. Este feito, precisamente, forma xa parte do proceso de penetración mesma do capitalismo pre e post-transición na nosa ruralidade. Non con outra intención constrúen os estados modernos, dende o século XIX, escolas estatais nas que os saberes impartidos desvinculan aos rapaces da súa cultura material, lingüística, oral e, en definitiva, existencial. Non con outra intención se construíron os primeiros estados liberais na Península e en Europa, tanto no momento en que Julia Varela experimentou esas mudanzas coma moito antes.

O campo galego nunca foi nin un paraíso, nin un verxel de solidariedade carente de conflitos intra ou extrafamiliares. As leis -patriarcais, ata hai pouco- de herdanza e propiedade da terra -con asasinatos entre irmáns inclusive-, os viscerais conflitos entre casas e familias pola demarcación dos lindes, o acceso aos acuíferos, a compra-venda especulativa de terras, etcétera, existían no mesmo tempo en que miña nai e meu pai emigraron do rural e da vila de Chantada, respectivamente, por mor da carestía económica. A suposta solidariedade espontánea ou colectivismo dos nativos rurais nada fixo nin puido facer para evitar as fortes vagas migratorias do interior cara Europa e o resto do Estado.

Os paraísos, para quen teña fe. As idealizacións retrospectivas, para certa literatura. Á socioloxía, porén, cómprelle outro cometido.