O Filandón do Courel cumpre vinte anos

La Voz

LEMOS

Máis dun centenar de músicos populares actuarán na próxima edición do festival o 6 de agosto xunto á ferrería de Seoane

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 6 de agosto celebrarase a vixésima edición do Filandón de Músicas do Courel, que reunirá a máis dun centenar de músicos e cantores populares. O principal promotor do festival, Xosé Lois Foxo -director da Real Banda de Gaitas de Ourense e natural do Courel- declárase sorprendido do interese que ten despertado o festival ao longo destas dúas décadas. «A primeira edición organizouse simplemente para presentar o libro-disco Músicas do Courel -explica- e non contaba con que isto chegase a durar tanto tempo e a atraer a moita xente de dentro e fóra de Galicia».

Foxo apunta por outro lado que ao longo destes anos a Serra do Courel e os territorios veciños seguiron sufrindo unha grave sangría demográfica e que unha parte dos músicos populares que actuaron en anteriores edicións xa faleceron. «Desapareceu moita xente e desapareceron moitas persoas que eran as últimas que coñecían cantares e melodías que formaron parte durante séculos da nosa cultura popular», sinala. Ao seu xuízo, un dos aspectos máis importantes do Filandón é que permitiu conservar unha grande parte desa tradición musical. Despois do primeiro volume de Músicas do Courel foron aparecendo outros cancioneiros que recolleron interpretacións de moitos dos participantes no festival, no só do Courel, senón tamén de Quiroga, A Pobra do Brollón e o municipio leonés de Oencia. «É importante que se siga celebrando o Filandón, pero para min é máis interesante o feito de que grazas a el puidemos preservar para o futuro unha parte do noso patrimonio», engade Foxo.

Programa de actos

O vixésimo Filandón de Músicas comezará ás seis da tarde xunto á antiga ferrería de Seoane do Courel, que será aberta ao público media hora antes. No festival actuarán a a banda de gaitas Rosalía de Castro do municipio barcelonés de Cornellà, o grupo de gaitas O Recanto de Quiroga, a orquestra Río Leira de Vilamartín de Valdeorras, a Coral do Casino de Carballiño e a cantante Lucía Pérez, do Incio, xunto con diversos músicos populares do Courel, O Bolo e Oencia. Os organizadores do festival, por outro lado, renderán homenaxe a Antonio Río Montero Ribeira de Louzarela -cantor de brindos ou cantos improvisados de Pedrafita do Cebreiro que participou en todas as edicións do Filandón-, ao músico e investigador pontevedrés Óscar Ibáñez e ao musicólogo alemán Ulrich Künzelmann. Así mesmo, o conselleiro de Industria Francisco Conde recibirá a «tésera da hospitalidade» con que o festival distingue ás persoas que contribúen á conservación e divulgación do patrimonio do Courel. Neste caso, segundo explica Foxo, a distinción débese ao interese que mostrou Conde pola recuperación da ferrería de Seoane.