«O 2017 vai ser un ano moi complicado para o plan Leader»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O alcalde de Bóveda sinala que a xestión das axudas europeas terá que realizarse con moita rapidez

20 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, preside o grupo desevolvemento rural GDR 6, que xestiona o plan Leader no territorio do antigo grupo Ribeira Sacra e os municipios de Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela e As Nogais. A entidade prevé comezar a tramitar proxectos susceptibles de recibir axudas nun prazo moi breve.

-¿Cando vai abrirse a oficina do GDR?

-Estámola acondicionando nun local de titularidade municipal de Bóveda e quedará preparada para finais da semana próxima. Queremos poñela a funcionar canto antes, a principios de xaneiro, porque o 2017 vai ser un ano moi complicado para a xestión do plan Leader.

-¿Por que motivo?

-Porque por cuestións administrativas, todos os proxectos que reciban axudas este ano teñen que estar totalmente terminados a finais de setembro. Para que poida cumprirse este prazo hai que forzar as máquinas, porque dispoñemos de pouco tempo para levar a cabo todo o proceso de tramitación das axudas e para realizar as obras.

-¿Que problemas pode supoñer un prazo tan curto para os que soliciten estas axudas?

-O principal problema vai estar nos proxectos que necesiten autorizacións administrativas que resulten máis complicadas e lentas de tramitar, como poden ser os permisos da Consellería de Medio Ambiente ou da confederación hidrográfica. Nestes casos é difícil que poidan executarse este ano. Aos promotores deste tipo de proxectos aconsellámoslles que vaian facendo durante o 2017 os trámites que sexan precisos para poder optar ás axudas da seguinte anualidade.

-¿Tomouse algunha iniciativa especial para acelerar as xestións?

-Xa mantivemos reunións en todos os municipios do grupo e explicamos a situación a todos os que están interesados en solicitar estas axudas. Todos eles xa son conscientes de que os prazos desta primeira anualidade van ser moi estreitos e que terán que actuar con rapidez para tramitar as subvencións e para realizar as obras que teñan previsto facer. Xa lles dixemos que se poñan canto antes en contacto connosco para saber como iniciar as xestións.

-¿O feito de que se incorporasen cinco novos concellos ao antigo GDR Ribeira Sacra vai complicar o funcionamento do grupo?

-Penso que non. Os fondos de que dispoñemos para a primeira anualidade ascenden aproximadamente a 4.732.000 euros e por tanto son maiores dos que manexaba o antigo GDR, pero agora temos un territorio máis grande e poden ser máis os proxectos que aspiren a recibir subvencións. Non obstante, creo que xestionando estes fondos con racionalidade poderemos impulsar proxectos de moito interese para o desenvolvemento destes municipios. O principal problema que imos ter o ano próximo é que hai que facelo todo moi rápido, pero estou convencido de que o conseguiremos. O GDR Ribeira Sacra xa destacou polo seu bon funcionamento e agora imos seguir nesta liña.