«A Ribeira Sacra está de moda»

LEMOS

José Manuel Arias Alcalde de BóvedaO rexedor destaca o incremento de visitantes que se produciu este verán no seu municipio

31 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, destaca a calidade do programa de actos das festas de San Xil deste ano. O rexedor fai fincapé nas actuacións musicais e no festival folclórico do venres, no que actuarán as bandas de gaitas e danza do Concello.

-¿Como se presentan os festexos?

-Moi animados porque as previsións meteorolóxicas apuntan que teremos bo tempo. Quero agradecer a comisión o seu traballo en configurar un programa de nivel e adaptado a todos os públicos. Nestes últimos anos xa é un clásico que a organización das festas se acorde nos últimos días.

-Manteñen as datas con independencia de que coincidan en fin de semana.

-Xa é toda unha tradición. Os festexos celébranse en torno ao día 1 de setembro, festivo local. Isto precisamente axuda a que a afluencia de público sexa maior. Estes días son sagrados para nós, e é un orgullo que a xente nos visite para gozar dos festexos. Son moitos os que aproveitan tamén estas datas para visitar o concello.

-¿De que maneira contribúe o concello á organización?

-Coa instalación da iluminación na travesía Afonso XIII. Ademais tamén contribuímos aportando as bandas de gaitas e danza do concello para o festival folclórico que celebramos o venres as sete da tarde.

-Unhas agrupacións a que chegou o relevo xeracional.

-Así é. Teño que dicir que nestes grupos hai un antes e un despois. A anterior xeración deu paso a rapaces e rapazas máis novas, que, sen dúbida, son o orgullo de todos nós polo ben que o fan. Dende o equipo de goberno facemos unha aposta seria por eles e pola cultura en xeral. É un dos nosos sinais de identidade.

-¿Notouse en Bóveda o incremento de visitantes este verán?

-Si, moito. A Ribeira Sacra está de moda, o que fai que cada vez veñan máis turistas. Eu falei cos hostaleiros do concello, que me dixeron que estiveron ao 100% de ocupación, ao igual que pasou en Monforte. Isto demostra que imos remontando a crise.

-¿Que lugares do municipio recomenda para visitar?

-Para min hai tres puntos fundamentais que deben ser obxecto de visita. Son o mirador da Serra de Penas, a aula forestal dos Trollos e o Mazo de Penacoba.

-¿En que proxectos traballan actualmente?

-Volcámonos nas infraestruturas. Estamos cun plan de arranxo de camiños por valor de 50.000 euros nas parroquias de Xulián e Freituxe. Investiremos 60.000 euros nun proxecto de acondicionamento das estradas do municipio para o que contamos coa axuda de Medio Rural. A semana que vén asinaremos un convenio por valor de 60.000 euros para proceder ao ensanche e acondicionamento do camiño que conduce dende a rotonda de acceso ao corredor Monforte-Lugo ata o centro de Bóveda.

-¿Cal sería a actuación de envergadura que lle gustaría realizar neste mandato?

-A nosa aposta sempre foi a creación de emprego, e entendo que coas actuacións que levamos a cabo en todos estes anos fomos logrando os nosos obxectivos. O parque empresarial é o noso selo de calidade. Aí traballan un total de 140 persoas e contamos con 54 parcelas, das que só restan por ocupar catro. O feito de que Xestur as poña a metade de prezo pode ser un estímulo para que pronto se completen.

-¿Que mensaxe lle envía aos lectores?

-Convídoos a todos que acudan a Bóveda estes días para gozar das festas de San Xil, que se celebran nun marco incomparable como é a praza da Filgueira. Recoméndolles, sobre todo a sesión vermú, que é todo un clásico.