Tras as pegadas dos lobos no Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

As xornadas divulgativas sobre esta especie terán continuidade en breve prazo

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas dúas últimas fins de semana ofreceuse a todos os interesados a posibilidade de participar nas primeiras xornadas de divulgación sobre o lobo ibérico que se organizaro na Serra do Courel. A convocatoria do sábado e do domingo pasados suspendeuse debido a que non se apuntou un número suficiente de personas. Pero na anterior fin de semana si que houbo participantes, que tiveron ocasión de realizar percorridos por zonas frecuentadas por lobos baixo a dirección do naturalista Agustín Pérez Souto.

Nestas camiñadas non se avistou ningún lobo, pero localizáronse diversos rastros destes animais, como pegadas e excrementos. Os promotores das xornadas -a empresa Tourgalia, que xestiona o albergue de Quiroga- precisan que o obxectivo principal non era observar directamente os lobos, algo que resulta moi difícil, senón chamar a atención sobre o valor ambiental dun animal «admirado e perseguido a partes iguais» e axudar a coñecer mellor as características e os hábitos desta especie, rodeada con frecuencia de prexuízos, tradicións populares e lendas sen base científica.

Aparte das actividades de campo, houbo charlas explicativas e un coloquio no que interviron un gandeiro e un cazador da zona. Neste encontro saíu a relucir o descontento dos criadores de gando coa xestión das compensacións económicas polos ataques destes animais. «É un fallo que ten a administración, porque non se compensan adecuadamente as perdas provocadas polos lobos, as axudas tardan moito en ser entregadas e hai que andar con moito papeleo e tratar cunha burocracia moi lenta -comenta Agustín Pérez a este respecto-, pero tamén hai que ter en conta que é posible frear os ataques tendo o coidado de non deixar as reses soltas de noite, sobre todo cando están criando, e en lugares que están sen cercar». E a eficacia dos mastíns para manter afastar os lobos do gando -agrega- está moi ben comprobada. «Manter uns mastíns require evidentemente un gasto, pero hai que valorar se ese gasto compensa as perdas que pode haber cando o gando non está ben protexido dos posibles ataques», apunta por outro lado.

Outras fontes de alimento

De todas maneiras, en opinión de Pérez, a Serra do Courel non é unha zona que se distinga por unha especial frecuencia nos ataques do lobo ao gando. «Neste territorio ten moitas oportunidades para alimentarse doutros animais silvestres, aínda que nalgunha ocasión tamén pode atacar unha ovella cando non a encontra protexida», explica.

Aínda que a segunda fin de semana desta convocatoria non atraeu participantes, os organizadores teñen previsto seguir ofrecendo actividades deste tipo, xa que consideran que unha experiencia pioneira como esta necesita algún tempo para asentarse. Nun futuro próximo preténdese levar a cabo novas xornadas divulgativas que non estarán centradas unicamente nos lobos. «A idea é desenvolver unhas iniciativas dun carácter máis global e amplialas a outras especies silvestres que tamén están presentes na zona, como poden ser os corzos ou os xabarís», indica Agustín Pérez. «Trátase de aprender a observar doutra maneira a paisaxe, de recoñecer os indicios da presenza dos animais e de comprender a importancia da fauna que ten o seu hábitat neste territorio», engade.

Pero por agora, os responsables de Tourgalia están planificando unha actividade de turismo de natureza dedicada a outra parcela moi diferente do patrimonio da serra: as orquídeas silvestres que medran nas microrreservas de flora autóctona que foron creadas recentemente na zona por iniciativa da Asociación Galega de Custodia do Territorio. Xa hai unhas datas fixadas para estas xornadas, que foron anunciadas hai pouco tempo. Serán o 4 o 5 de xuño.

«É un animal que todos temen, pero eles teñen máis medo dos humanos»

Agustín Pérez Souto, natural de Noia, leva moito tempo realizando observacións de campo sobre as poboacións galegas de lobo ibérico.

-¿Sábese cantos lobos hai hoxe vivindo na Serra do Courel?

-Nesta zona en concreto non coñezo o dato. É complicado saber cantos lobos viven nun territorio determinado e nun momento dado, porque teñen unha mobilidade moi grande e percorren distancias longas. En toda Galicia calcúlase que hai setenta e pico mandas, pero é díficil precisar cantos pode haber nun territorio máis pequeno, como unha provincia ou un concello.

-¿É difícil aprender a avistar lobos no medio natural?

-É algo que require moita dedicación e paciencia e coñecer ben os hábitos destes animais. Pero neste caso non se trataba tanto de aprender a observar lobos no monte como de popularizar os coñecementos acerca dunha especie sobre a que é máis o que se ignora que o se sabe, e desmitificar esa palabrería que se escoita a miúdo nas tabernas.

-¿Hai algún risco en dedicarse a observar estes animais no seu hábitat?

-A miña experiencia é que non hai ningún risco. Tiven máis problemas cos cans que andan soltos polas aldeas que cos lobos. É un animal que todo o mundo parece temer, pero o lobo ten máis medo dos humanos que os humanos do lobo. Cando a xente ten ocasión de velos directamente, dase conta de que non son moi diferentes dos cans.