A meteoroloxía anómala fai florecer por anticipado numerosas especies de plantas e árbores no sur lucense
03 mar 2016 . Actualizado a las 22:25 h.As inusuais condicións meteorolóxicas que se rexistran no sur lucense desde o pasado outono seguen facendo sentir os seus efectos na vexetación, que en grande parte presenta un aspecto totalmente primaveral tres semanas antes do inicio da primavera. A aceleración da actividade biolóxica das plantas é ben patente na zona desde hai tempo. As mimosas xa estaban florecendo antes de que acabase o pasado mes de decembro -o habitual é que comecen a facelo en febreiro- en diversas paraxes da Ribeira Sacra, como Sober e Chantada. A finais de xaneiro podíanse ver carballos botando as novas follas en sitios como a parroquia chantadina de Camporramiro, un proceso que non acostuma iniciarse ata abril ou maio. Pola mesma época florecían narcisos da especie Narcissus triandrus no canón do Sil, algo que sucede normalmente entre finais de febreiro e principios de marzo.
Na actualidade, o adiantamento da primavera é claramente perceptible na paisaxe urbana de Monforte. Os magnolios da praza de España están totalmente florecidos e ofrecen unha estampa que parece propia dunha época máis avanzada do ano. As árbores ornamentais do paseo do Malecón presentan igualmente un aspecto moito máis florido que de costume.
Nas áreas de montaña, a vexetación tamén está despertando este ano moito antes de tempo, segundo explica o biólogo monfortino Guillermo Díaz Aira, que traballa como coordinador no albergue de Quiroga e fai frecuentes percorridos guiando a visitantes pola Serra do Courel. Nas últimas semanas -apunta- xa había na zona moitas uces en flor, o que non soe verse ata abril ou maio. O mesmo sucede con outras plantas das familia das ericáceas. «Os toxos tamén están florecendo antes de tempo, pero dunha maneira menos masiva, e de momento só se ven as súas flores en determinados lugares», apunta por outro lado.
Outras especies
Díaz sinala que na serra xa se puideron ver florecer prematuramente no tramo final do inverno varias especies de plantas de pequeno tamaño, como as prímulas, os narcisos, as violas e os allos de oso ou Allium ursinum. Pero o biólogo puntualiza que todo isto sucedeu antes do temporal de neve que se rexistrou na zona durante a pasada fin de semana. «Nas partes altas da serra hai agora arredor dun metro de neve e todas esas flores que apareceron antes de tempo sen dúbida xa morreron», comenta. Esta situación vai repetirse probablemente a próxima fin de semana. Segundo as previsións meteorolóxicas, o venres entrará en Galicia unha masa de frío acompañada de precipitacións que se converterán en nevadas nas áreas montañosas. Nas serras orientais lucenses están previstas para esa xornada cotas de neve que irán baixando dos 1.200 aos setecentos metros de altura. Para o sábado calcúlase que a cota descenda aos seiscentos metros. Unha vez pasada esta frente retornará o bon tempo e todo parece indicar que a floración anticipada continuará, aínda que pode verse un tanto ralentizada por estas xornadas de neve e frío. «Os modelos meteorolóxicos apuntan a que a primavera chegue por adiantado en torno ao día 10», di Guillermo Díaz.
Un fenómeno reiterado
O biólogo considera por outro lado que o adiantamento das condicións primaverais que se está dando actualmente non deixa de seguir a pauta dos últimos anos no sur lucense. «Desde hai tempo estase vendo que as estacións veñen un pouco máis adiantadas cada ano e que a vexetación comeza a florecer cada vez máis cedo», indica. «Antes dicíase que as últimas xeadas eran polo día da Santa Cruz, que é o 3 de maio, e xa hai moito tempo que non caen xeadas en Monforte a principios de maio», engade.
neve nas montañas
A floración prematura que se percibe en numerosos lugares do val de Lemos contrasta coa paisaxe circundante, que aínda mostra os efectos das intensas nevadas dos días pasados. Na fotografía da dereita vese o aspecto que ofrecen desde Monforte os cumes da Serra do Oribio, que se estende polos municipios de Samos e Tricastela e alcanza unha altura máxima de 1.447 metros. Todo parece indicar que estas vistas se prolongarán aínda durante a semana próxima