Hai cen anos a imaxe comezou a triunfar como vehículo de promoción turística. Pezas de cinema, revistas e exposicións empezaron a divulgar o que hoxe se coñece como Ribeira Sacra
20 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O 24 de xuño de 1929 a plazuela de Chantada estaba convulsionada. Un incendio arrasara a hospedaxe Segundo Navaza, quizais como preludio da gran depresión económica que avanzaba de forma galopante mentres Galicia se revolvía contra o medievalista sistema de redención foral, mediante sociedades de loita e mobilización para transformar a situación agraria. Nesta reorganización influíron algúns retornados de Cuba. Os indianos que, impregnados da política latinoamericana, se involucraron na modernización económica influíndo nos colectivos do minifundismo. Aires renovados na nova fidalguía do estereotipado americano que agora non lle facía falta ver as escolas creadas con remesas de diñeiro de forma filantrópica en fotogramas. O cine de emigración xogou un importante papel na súa expansión ao rodarse as construcións dos colexios e enviar a América os rolos para que fosen proxectados. Nace o poder da imaxe na sociedade.
En 1910 a pioneira produtora Galicia Cinematográfica, do fotógrafo José Gil e Gil, empeza as súas primeiras rodaxes. A sociedade La Liga de Amigos promove en 1912 as precursoras exhibicións cinematográficas en Chantada e o xornal local El Regionalista publica un curioso artigo en 1923 sobre a influencia da sétima arte titulado El encanto del cine.
En 1929, o director palentino Luis Rodríguez Alonso inmortaliza en imaxes distintos cantos da bisbarra do Asma para un documental promovido polas catro deputacións galegas co pretexto de impulsar o potencial turístico de Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929.
«¡Otros ajenos nos suplantan!»
Un viaje por Galicia non estivo exenta de controversia. O vigués José Gil -realizador do primeiro filme de ficción galego, Miss Ledya, que contou no seu reparto con Castelao- entregou un proxecto máis módico que a empresa madrileña e foi desestimado. O 12 de xullo de 1929 escribe indignado no Faro de Vigo: «El caso es que Galicia Cinematográfica trabajadora, significada por su seriedad y amor a Galicia con unos talleres propios y a la par que solvente y tener empleados muchos miles de pesetas a disposición de la amada Galicia, todos procuran abandonar como al que denodadamente y exponiéndolo todo se le olvide, sustituyéndole por personas que ni son gallegas, ni sienten amor por Galicia. ¡Así se explica por qué se emigra, viendo como otros ajenos nos suplantan!».
Dos dez rolos dedicados á provincia de Lugo, un minuto e cinco segundos é o tempo inmortalizado á bisbarra chantadina: Un crucero en Vilela, Cascada de Tarrío, e Puente y caserío de Belesar. O camarógrafo Rodríguez Alonso morre antes de ultimar a montaxe definitiva e realízase un pase privado en Madrid en decembro, estreándose en 1932.
Álbumes, revistas e libros
No primeiro terzo do século XX desátase unha febre de mostrarse ao exterior en formato de exposicións rexionais, internacionais, álbumes de cromos (Las Estampas de Galicia, de Luis Kasado, e Las Bellezas de Galicia, de Juan Gil Cañellas), revistas ilustradas e libros marcaron a axenda da promoción turística. Xorden así os chamados «fomentadores del turismo mundial» como o engalanado José Cruz Conde, director da Exposición Ibero-Americana de Sevilla.
O editor José Cao Moure (que asinaba como P.P.K.O.) publica en 1929 o compendio Lugo y su provincia (Libro de Oro), onde o xornalista José Costa Figueiras (fundador e director de El Regionalista) subscribe a reportaxe Estampas de Chantada. Los codos de Belesar. Presenta descriptivamente indicando que «el Miño parte así por gala en dos la bellísima aldea oculta como un tesoro en aquel apartado rincón galaico», sinalando que os codos e a ponte de Belesar «son, por sí solos bien palmarias pruebas de la existencia de una gran vía militar romana conducente al antiguo campamento solariego de la tribu celta de los lemabos, que dieron nombre al valle, por donde habrán desfilado incontables veces los soldados britonienses de la legión destacada en la histórica comarcal de Lemos».
José Costa Figueiras contraría os estudos de Arias Sanjurjo ao asegurar que eses camiños que baixan a Belesar son o «único resto visible y palmario de la vía romana que puso en otrora en comunicación a Lucus Augusti con Dactonium que es Monforte».