«¿Moda solidaria? Non, é que lle pode tocar a calquera»

c. cortés monforte / la voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Castro pon en marcha un grupo con rapaces da escola de música de Ribas do Sil para actuar en festivais benéficos

27 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Estudantes e profesores da escola de música de Ribas do Sil darán o 3 de xaneiro un concerto solidario en San Clodio. Non cobrarán entrada, pero pediranlle ao público que acuda cun quilogramo de alimentos non perecedoiros. O máis orixinal é que o grupo quedará constituído para tocar alí onde o chamen, coa única condición de que os organizadores cobren esta mesma entrada. Todo o material que xunten serán entregados aos bancos de alimentos. O profesor Roberto Castro é o impulsor desta iniciativa.

-¿Como se lles ocorreu?

-En realidade eu tiña pensado darlles vacacións aos rapaces este Nadal, pero a xente dos servizos sociais do Concello díxonos que por que non organizabamos algo así, que se está facendo e moitos sitios. O caso é que non só dixemos que si, senón que decidimos manter o grupo para tocar alí onde nos chamen, sempre que non sexa moi lonxe de Ribas do Sil e cun obxectivo solidario. Isto vai servir en primeiro lugar para recadar alimentos, pero tamén me parece boa idea aproveitalo para darlle repercusión aos pequenos e facer que toquen diante de máis xente. Os rapaces como realmente o pasan ben é tocando con público.

-Vostede ademais de profesor de música é concelleiro. ¿Pensa que as cousas están realmente tan mal como parece, dada a proliferación de actividades solidarias ou benéficas?

-Hai moita xente que o está pasando mal.

-Pode parecere que hai unha certa moda de convocatorias solidarias.

-Esta vez sucede que por primeira vez un 90% da poboación nos sentimos plenamente identificados coa xente que o está pasando mal. E iso é porque vemos que o que lles está pasando a eles podíanos pasar a nós perfectamente. Hai dez anos, como eramos todos ricos, viamos eses problemas como propios de xente con vidas precarias, pero agora dámonos conta que tranquilamente podíamos estar calquera de nós nesas circunstancias. Así que eu non lle chamaría moda. A sociedade percibe claramente as tremendas necesidades que hai. Moda non é.

-¿Que vai ver o público que asista aos seus concertos?

-O grupo está formado por rapaces que estudan na escola e teñen entre 8 e 14 anos. Tocamos música folk, na liña do grupo que tiñamos hai anos. A execución é humilde, pero a verdade é que o Concello foi xuntando co paso dos anos un equipamento técnico importante. Os pequenos fano realmente ben, aínda que eu o diga con algo de paixón.

-¿Xa teñen outras actuacións concertadas?

-Xa temos falado con outros concellos da zona e a acollida está sendo moi boa.

roberto castro profesor de música e concelleiro en san clodio