Mentres non se decide quen é o dono, a torre de Doncos é do Estado

Marta de Dios Crespo
marta de dios LUGO / LA VOZ

LEMOS

No disponible

A conservación do inmoble, declarado BIC en 1949, estaría en mans da Xunta de Galicia

26 oct 2014 . Actualizado a las 05:02 h.

Análise a titularidade do monumento das nogais

O estado de abandono da torre de Doncos e a pugna pola súa propiedade entre o Concello e varios particulares fai preguntarse quen sería o responsable no caso de que houbese un desprendemento de parte deste monumento. A resposta non é sinxela. «Non hai ningún obxecto que non teña propietario», apunta Ángel Sicart, o que fora director xeral de Patrimonio nos anos 90. No caso de non atopar o seu rastro na documentación fiscal que puideran ter os diferentes organismos, Sicart asegura que a titularidade pasaría a ser do Estado, pero «a Xunta tería competencias no mantemento ao ser declarado o inmoble Ben de Interese Cultural (BIC)».

O monumento situado nas Nogais pasou a ter ese recoñecemento o 22 de abril de 1949, a través dun decreto expedido polo ministerio franquista de Educación: «Todos los castillos de España, cualquiera que sea su estado de ruína, quedan bajo la protección del Estado, que impedirá toda intervención que altere su carácter o pueda provocar su derrumbamiento», sinala o artigo primeiro dese documento. Que facía ademais aos concellos os responsables de «todo daño que pudiera sobrevenirles».

A día de hoxe, a competencia pola conservación destes inmobles a ten a Xunta. A lei que recolle a normativa do patrimonio cultural de Galicia (8/1995) apunta no artigo 54 que os bens inventariados como BIC gozarán dunha protección baseada en evitar a súa desaparición, «estarán bajo la responsabilidad de los Ayuntamientos y de la Consejería de Cultura, que habrá de autorizar cualquier intervención que les afecte», engade o escrito.

O que parece claro é que o Estado é o propietario, según indica a propia lei de Patrimonio: «pertenecen a la Administración General del Estado los inmuebles que carecieren de dueño», sinala o artigo 17 sobre inmobles vacantes. E a conservación está nas mans da Xunta de Galicia de xeito subsidiario. Segundo engaden dende Patrimonio, eles poderían actuar sobre a construción «sempre que houbese algunha solicitude neste senso por parte do dono, nunca antes», cousa que non se produxo porque non hai tal dono.

O estado «crítico» da torre

O historiador Xabier Moure destacou en varias ocasións que o estado de conservación da torre é «crítico». Unha fenda vertical nunha das súas caras sinala perigosamente que o seu abandono non resistirá moito máis. Opinión encontrada á que ofrece Jesús Núñez, o alcalde das Nogais, asegura que arquitectos e arqueólogos confirmaron que non hai risco de derrube, pero que sería bo consolidar a súa estrutura. No mesmo senso apunta Luis López Pombo, o investigador lucense, que considera que a pesar de que a torre leva abandonada desde 1603, ten un estado «aínda recuperable». No que todos coinciden é en que hai que actuar canto antes en favor da conservación de Doncos.

Mentres, o concello quere facerse coa titularidade da torre para poder acometer actuacións de conservación, que terán que ser aprobadas polo Goberno galego. «O recomendable nestes casos é que a Xunta acometa as actuacións de conservación e pasen logo a factura a quen corresponda», apunta Sicart.

Vinculada historicamente á familia Valcarce, a última pista que se tivo dun propietario perdeuse na casa de Alba, que recoñeceu recentemente que a torre de Doncos non estaba entre os seus bens patrimoniais. Foi entón cando o Goberno local -que levaba anos intentando localizar ao dono ou que a Administración lle recoñecese a titularidade- solicitou o rexistro vía catastro.

Alentados polas noticias publicadas en torno ao monumento sen dono, tres particulares xa deron pasos para reclamar a propiedade da torre. Dous monfortinos e un residente en Madrid interesáronse pola construción, sobre a que din ter dereitos. A pesar de que, de momento e coa documentación presentada, ningún parece ter posibilidades reais de facerse coa torre, os novos pretendentes veñen a ralentizar o proceso para determinar quen ostentará a titularidade e, polo tanto, dilátase tamén o tempo que levará poder actuar cara a conservación da construción.

A parte boa deste «bombo» mediático é que tamén se incrementaron as visitas ao municipio de As Nogais, onde centos de viaxeiros paran na fin de semana a observar o monumento.