O revival bravú prende en Chantada

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Unha festa conmemorará os 20 anos do «Manifesto de Viana»

16 ago 2014 . Actualizado a las 15:22 h.

O rock bravú ten data e lugar de nacemento. Foi en Viana no outono de 1994. Na taberna desta parroquia de Chantada xuntáranse a cear integrantes de grupos que tocaban aquel ano nunha das primeiras edicións do Castañazo Rock e daquela mesa saiu o manifesto que lle puxo nome a unha constelación de grupos de músicas diversas, letras en galego e actitude punk. Vinte anos despois, grupos fundacionais do bravú como Os Diplomáticos e os chantadinos Rastreros volven subir aos escenarios e festivais novos como o Paradiso de Monforte organizan tributos a aquel movemento. O revival tamén prende en Chantada, porque neste municipio están preparando Por Parroquias, unha «festa rural» que na súa primeira edición reivindicará o bravú no seu berce. Celebrase o mes que vén e haberá música, poesía e unha cea na que os autores e asinantes do manifestó bravú se volverán xuntar para cear na taberna de Viana.

Organizada por cinco asociacións culturais chantadinas, o Por Parroquias deste ano celebrarase o sábado 13 de setembro entre as aldeas de Viana e Garabelos. O programa empeza coa inauguración dunha placa conmemorativa na taberna de Viana, obra do escultor chantadino Primitivo Lareu, un dos que tocara en Rozando nos Toxos, da que sairían algúns dos integrantes dos Rastreros.

Tras o xantar nesa tasca ao que según os organizadores acudirán ?os protagonistas da cea de hai vinte anos e do movemento bravú?, as actividades da tarde trasládanse a Garabelos. Alí abrirase ás catro unha exposición sobre os vinte anos de bravú no Cinema Palleriso, a sala de proxeccións que ten montada nunha palleira o militante ecoloxista chantadino Anxo Moure. Media hora máis tarde o xornalista Rodri García presentará o seu libro sobre os Diplomáticos, Non temos medo. Tamén pola tarde, participarán na primeira parte dunha mesa redonda sobre o bravú o xornalista Xosé Manuel Pereiro; Richi, de Rastreros; e Xurxo Souto, voz dos Diplomáticos. A segunda parte do debate chegará despois da proxección de curtas e doscumentais sobre aquel movemento (incluídos vídeos dos primeiros Castañazo Rock). Intervirán Alfonso Pato, do festival de Cans, Ibán Gómez, do Castañazo Rock, e Alfredo Pardo, da produtora Chantada Films. Falarán sobre a actualidade da música alternativa en Galicia.

Concerto final

A festa rematará pola noite. Despois dunha pancetada en Viana e dun «concurso de xuramentos» a medianoite empezará un concerto. Primeiro tocará o grupo punk Malas Herbas e para rematar os «fundadores do movemento bravú» improvisarán sobre o escenario co grupo Liviao de Marrao.

aniversario musical