«Seguide adiante coa cruz e cos faroles, que o morto xa vai no río»

Hai máis de 80 anos, un funeral en Chouzán acabou co defunto e a súa caixa afundidos no Miño


chantada / la voz

A comitiva fúnebre avanzaba cara o camposanto de Chouzán por un sendeiro máis que precario. A un lado, rocha viva e ao outro unha caída libre ata o Miño.... O peor lugar para que pasase o que pasou, que o cadaleito se lles fose das mans aos seus porteadores. O defunto acabou no río, que ademais baixaba especialmente torrencial aquel día dunha data indeterminada de hai máis de oitenta anos.

Chouzán é unha parroquia de Carballedo das chamadas principais, que nun tempo non moi lonxano tivo como anexas as parroquias de Veascós e Erbedeiro. Os fregueses de Erbedeiro non tiñan daquela cemiterio, así que utilizaban o de Chouzán. Eles e os veciños dos lugares da Rigueira e Paradela, estes xa na parroquia de Chouzán, compartían no camiño que os levaba á igrexa e ao camposanto un paso obrigado común, pouco doado de andar e perigoso. O sendeiro pasaba por una cornixa natural de cinco metros de longo e tan só 36 centímetros de largo. Trátase ademais dunha parede de rocha vertical que cae directamente ao Miño. Contan na zona que por aí ten pasado incluso unha vaca, non sen dificultade.

Nunha data que hoxe ninguén na parroquia sabe concretar con certeza, pero de hai polo menos oitenta anos, aconteceu o accidente que aínda hoxe se conta en Chouzán e arredores. Morrer un veciño dalgunha das aldeas comunicadas co cemiterio a través do desfiladeiro e aos seus porteadores tocáballes facelo pasar por aí. Era preciso que o transporte nese tramo o fixesen dúas personas nada máis. Unha collendo o ataúde polos pés, a outra pola cabeceira e os dous avanzando con tento e moita dificultade.

Un esbarón pola humidade da rocha, unha falla de forza do porteador, un simple tropezo cunha pedra que non lle tocaba estar alí... Hoxe ninguén sabe exactamente cal foi a razón, pero o caso é que aquel defunto e súa caixa caeron pola rocha abaixo e foron parar ás augas turbulentas do río Miño que, ademais, ese día ía moi cheo polas choivas. Non houbo maneira de rescatalo, así que aquel morto acabou descansando non baixo terra, senón no río.

Anos despois daquel episodio, o encoro dos Peares anegaría parte da parroquia de Chouzán, incluida parte da aldea. Pero aquel perigoso tramo do camiño ao vello cemiterio quedou por riba das augas. A antiga igrexa foi trasladada á súa ubicación actual, porque senón hoxe o único que quedaría por riba do nivel habitual da auga do encoro sería o seu campanario.

Os máis vellos da parroquia aínda recordan o que dixeron os porteadores despois da caída o río do falecido e a súa caixa. E os non tan vellos tamén. A Basilio González González bautizárono en 1958 no novo emprazamento da igrexa. Este veciño da aldea de Cela recorda tamén a reacción dos porteadores: «Según contan, o que dixeron foi ?seguide adiante coa cruz e cos faroles, que o morto xa vai no río?».

historias da comarca

ao camposanto por un desfiladeiro

O paso para o cemiterio tiña 36 centímetros de anchura

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

«Seguide adiante coa cruz e cos faroles, que o morto xa vai no río»