a Julio Vázquez Berao, delegado en Monforte da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, os datos sobre a caída da venda da vivenda que reflicten as estatísticas de Fomento non lle sorprenden o máis mínimo. Pola contra, parécenlle máis positivos que a realidade que percibe como empresario do sector. «Non fan falta moitas cifras, a caída da construción salta á vista. No que vai de ano vendín un piso, e o anterior non foi mellor», sinala o construtor monfortino.
-¿Cantas empresas da construción pecharían nestes últimos anos?
-Xa perdín a conta. Entre promotores que o deixaron, prefabricados e empresas de subministros, suman moitas. Os construtores que aguantamos tivemos que quedar con moi pouca xente. Empresarios autónomos que antes mantiñan tres ou catro empregados agora traballan eles sos.
-¿Vese algunha saída a parón actual?
-Digan o que digan, eu non vexo saída á crise. Ao pequeno e mediano empresario cáenlle paus a todas as caras. Sácanche cartos por todos os lados, ata que fan pechar a un.
-¿Cómo se pode frear a sangría da construción?
-Fai falta máis creto. Vale que os bancos teñan que pedir máis garantías, pero no se poden impoñer intereses tan altos porque así o diñeiro non se move. Na fiscalidade, a pequena e a mediana empresa debería ter outros incentivos. Somos os que mantemos o emprego neste país, pero aquí o único que importa e recadar.