Trece expositores presentarán os seus produtos en Monforte
04 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.En vista da boa resposta que obtiveron as primeiras edicións, o mercado agroecolóxico que se puxo en marcha hai anos continuará celebrándose este verán en Monforte, pero agora dentro dos mercados temáticos do recinto central da praza de abastos, que durante a fin de semana abrirá as súas portas para presentar un amplo surtido de produtos.
Os participantes ocuparán un total de trece postos, ofrecendo unha variedade selecta de produtos entre os cales se atopan os hortíferos de Os Bacelos, as framboesas e grosellas de Asazón, o mel de Mel Rural, as cereixas de Moncho de Pío e os queixos e iogures de Xanceda. La Fuente trae como novidade pan do mar, mentres que Bai Mencía ofrecerá viño ecolóxico e Ecoviandas, os seus produtos frescos.
Aumento de facturación
O notable aumento do consumo de produtos desta modalidade ecolóxica fixo que dende 2008 este mercado dobrase a súa facturación en Galicia. Os defensores da produción ecolóxica consideran que as vantaxes son evidentes e que o consumidor se inclina cada vez máis por produtos nos que a calidade está asegurada e que favorecen un mellor hábito alimenticio, contribuíndo a que os produtores poidan vivir e traballar nun ambiente máis equilibrado e sen contaminación, onde non existen os riscos de toxicidade da agricultura convencional.
Por outro lado, entre os días 20 e 21 a praza de abastos de Monforte acollerá tamén un mercado de conservas galegas, no que se presentarán numerosos produtos envasados e listos para ser consumidos, resultantes dunha arte que se leva praticando nos fogares e industrias galegas dende o século XIX. Así, poderase atopar unha diversidade de productos envasados como castañas, grelos, setas, marmeladas e mel.
Os mercados temáticos da praza de abastos, por outra parte, ampliarán o seu horario durante xullo e agosto, abrindo tamén os domingos pola tarde, entre as 17 e as 20 horas.
Por outro lado, baixo o nome de María Castaña, o produtor Carlos Pérez ofrecerá na praza de abastos monfortina unha selección de colleitas da horta -pementos, sandías, tomates- e de herbas aromáticas frescas. Este posto será permanente a partir do día 8.
