O Concello de Quiroga e a produtora compostelá Artefacto Producciones teñen previsto presentar o 23 de decembro o filme O Apóstolo no auditorio municipal. No mesmo edificio encóntrase o museo etnográfico da vila, que desde o pasado 20 de xullo acolle unha exposición permanente dos decorados desta película de animación.
Os responsables da produtora ofreceron ao Concello a posibilidade de exhibir estes materiais no museo por consideralo como o lugar máis axeitado, xa que os decorados do filme están baseados en boa parte na arquitectura tradicional da Serra do Courel. Cando foi inaugurada a mostra permanente, por outro lado, os autores de O Apóstolo expresaron a súa satisfacción pola montaxe preparada polos responsables do museo municipal para mostrar estas pezas. A produtora e a concellería de Cultura de Quiroga tamén acordaron por entón que o filme sería presentado na vila despois da súa estrea, que se levou a cabo a finais do pasado mes.
Premios internacionais
O filme, dirixido por Fernando Cortizo, acaba de ser distinguido cos primeiros premios do festival Expotoons de Buenos Aires e do festival Cinehorizontes de Marsella. O pasado xuño, así mesmo, converteuse na primeira obra de animación seleccionada para competir na sección oficial do Festival Internacional de Cinema de Moscova.
O Apóstolo caracterízase por ser o primeiro filme europeo realizado coa técnica de stop motion estroboscópica. O aspecto físico dos personaxes está inspirado no dos actores Luís Tosar, Xosé Manuel Olveira, Carlos Blanco, Geraldine Chaplin e Jorge Sanz -entre outros-, que tamén prestaron as súas voces.