Mari Carmen Vergara: «A castaña axuda a promocionar O Courel»

F.a. QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

A festa gastronómica máis antiga do municipio cumpre un cuarto de século

11 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A concelleira Mari Carmen Vergara preside a asociación cultural A Coroa, de Folgoso, que organizará o 4 de novembro a 25 Festa da Castaña do Courel.

-¿Como comezou a celebrarse este festexo?

-Teño entendido que surxiu dunha proposta nun pleno do Concello, e a partir de aí xuntáronse un grupo de amigos e fixeron a primeira comisión organizadora. Daquela sorteouse onde se faría a primeira festa e saíu que sería en Folgoso. De aí veu a tradición de celebrala un ano en Folgoso e outro ano en Seoane. Antes había comisións de veciños que se encargaban de preparala, pero desde hai uns faino A Coroa cando é en Folgoso e a asociación Serra do Courel cando é en Seoane. Para o pregón deste ano chamamos a persoas que formaron parte daquela primeira comisión.

-¿A festa conseguiu revitalizar a produción local de castaña?

-O que penso é que se logrou que a castaña axudase a promocionar o municipio en conxunto, porque a festa atrae xente de toda Galicia e de fóra. Impulsar o aproveitamento dos soutos como recurso económico é máis complicado, aínda que neste tempo apareceron un par de pequenas empresas que traballan con derivados da castaña.

-¿Que se necesitaría para potenciala?

-Na miña opinión, o principal problema é a falta de xente nova. Farían falta axudas e incentivos para estimular a formación de cooperativas e empresas que aproveitasen este recurso e para que puidese haber xente que vivise disto. Hoxe en día aquí non hai ninguén que poida vivir exclusivamente da castaña e para os que aínda a cultivan non é máis que un pequeno complemento económico.

-O ano pasado escaseou moito a castaña por culpa da seca. ¿Como vai a colleita deste ano?

-As condicións meteorolóxicas tampouco foron moi boas este ano, porque en setembro choveu moi pouco. Desta vez parece que non hai o problema de escaseza do ano pasado, pero creo que a colleita vén algo atrasada e os ourizos aínda están moi verdes. De todas maneiras, contamos con que a cousa se normalice un pouco de aquí ao día da festa e que haxa castañas de sobra para a celebración.