O folión de Taboada abre unha fin de semana chea de romarías

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A queima das fachas da parroquia de Castelo será seguida dos festexos de Chantada, Quiroga, Sober e Pantón

06 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O folión das fachas da parroquia taboadesa de Castelo abrirá mañá á noite unha fin de semana repleta de convocatorias festivas, xa que coincide coa celabración das tradicionais romarías da festividade dos Remedios. O festexo de Castelo -declarado de interese turístico desde o 2008- comezará sobre as nove da noite cunha cea popular nunha carpa instalada xunto ao castro que serve de escenario á queima de antorchas elaboradas con agucios. Durante a cea actuará o grupo musical taboadés Os d?Eiquí e posteriormente, en torno ás once e media, os veciños subirán á cima do castro para queimar cerca de corenta antorchas. Máis tarde haberá unha verbena animada pola orquestra Charleston Big Band.

A asociación de veciños de Castelo, que organiza o festexo, sinala que se tomarán todas as precaucacións necesarias que require esta peculiar celebración polo feito de levarse a cabo na temporada de alerta de incendios. No lugar estará instalada unha cisterna de auga de 5.000 litros de capacidade e unha motobomba dos servizos de extinción do distrito forestal de Monforte. O castro e os seus arredores xa foron desbrozados polo Concello de Taboada e antes de prender lume ás fachas se regarán os terreos dos arredores.

Xunto con Vilelos (O Saviñao) e Castro Caldelas, a parroquia de Castelo é unha das tres únicas localidades da Ribeira Sacra onde se conservou viva ata hoxe a tradición dos folións, unha celebración típica das vésperas dos festexos de cada localidade que en tempos era común en todo o sur lucense e no resto de Galicia. No caso da parroquia taboadesa, trátase da véspera da Natividade de María

Outro catro festexos

Por outra parte, durante o sábado e o domingo celebraranse as tradicionais romarías dos santuarios do Faro (Chantada), Cadeiras (Sober) e Augas Santas (Pantón), así como as festas da parroquia quiroguesa da Ermida. En todos estes lugares haberá durante as dáus xornadas celebracións relixiosas pola mañá, comidas campestres e bailes populares.

En Chantada, a celelebración comezará de certo modo o venres, xa que é tradición que moitos veciños acudan a pé ao santuario do Faro durante a noite anterior ao inicio da romaría. O festexo da parroquia da Ermida, pola súa parte, presenta un especial interese etnográfico debido á presenza das pampórnigas e do personaxe do Meco, que desfilan antes e durante as misas que celebran na igrexa á unha do mediodía.

A festa de Augas Santas durará tres días, xa que comezará cunha procesión na tarde do sábado -seguida dun baile animado pola orquestra Los Lados- e se prolongará ata o luns. Os días 9 e 10 haberá misas con procesión á unha do mediodía. A animación musical destas dúas xornadas correrá a cargo da charanga Entre Nós e das orquestras Charleston Big Band e Pontevedra. O domingo, a programación festiva complementarase cunha feira de olería e o luns, cunha chocolatada popular.