Besteiro: "Para o partido, Monforte é unha peza fundamental»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Besteiro di que o novo coordinador comarcal é a súa aposta persoal

05 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

josé ramón gómez besteiro secretario xeral do psoe na provincia de lugo

O PSOE presentou esta semana aos seus novos secretarios locais no sur de Lugo. O secretario xeral provincial, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu a Monforte para deixar claro o seu respaldo ás recén elixidas executivas locais e, nomeadamente, ao novo coordinador comarcal, Roberto Castro. Besteiro afirma que Roberto Castro foi a súa «primeira e única opción» para este posto. Dío, aclara, «por se houbese algunha dúbida».

-O novo coordinador comarcal é de Ribas do Sil, o municipio menos poboado desta zona. Haberá a quen lle sorprenda que o elixido non sexa de Monforte.

-A de Roberto Castro é unha elección moi persoal do secretario xeral. Foi a miña primeira e única opción. O coordnador de Lugo tampouco é de Lugo, nin o da Terra Chá de Vilalba. Temos que buscar o perfil que máis nos interese, e eu teño confianza plena en Roberto Castro. É unha persoa preparada e cunha capacidade de xestión contrastada, nun concello pequeno que ten actividades propias dun de máis poboación. Na zona sur hai concellos nos que o partido socialista é primeira forza, pero noutros é segunda e noutros máis terceira. Ben, pois ese panorama ten que ir cambiando. Non sempre foi así, pero neste momento a zona sur ten un tremendo interese para o partido. E nese sentido, Monforte é para nós unha peza fundamental.

-Nesta zona só gobernan en Ribas do Sil. Roberto Castro ten moito traballo por diante.

-É un traballo importante, por iso o seu perfil, que vai moi ben coa nova executiva.

-O anterior coordinador comarcal era José Tomé. ¿Pasoulle factura a súa decisión de ir nunha candidatura alternativa á maioritaria no congreso federal?

-En absoluto. Tomé é un magnífico secretario xeral [da agrupación de Monforte] e foi un magnífico secretario comarcal, pero estes son tempos novos. Dixemos que hai que renovar, que lles hai que dar responsabilidades aos militantes e obramos tal como prometemos. En todo caso, a miña relación con Tomé é extraordinaria.

-Monforte é un deses lugares onde son terceira forza. ¿Hai que pensar en cambios tamén nesa candidatura municipal?

-Iso chegará co tempo, se ten que chegar. Agora témonos que centrar en que a xente perciba que somos un partido capaz de solucionar os seus problemas. Se seguimos pensando que o problema do partido son as candidaturas de dentro de tres anos, cometeremos un gran erro.

-¿Sería máis cómodo para vostedes que houbese un acordo de goberno BNG-PSOE en Monforte?

-Iso haino que decidir nos propios concellos. A solución pode vir pola vía da coalición, por apoios en determinadas cuestións... pero tense que decidir nos concellos e ao ritmo dos concellos.