O método utilizado por Patrimoniogalego.net fai que o criterio persoal de cada un dos colaboradores sexa decisivo á hora de incluir no catálogo un determinado elemento patrimonial. Por esta razón, e dado que a lista está nun estado de elaboración permanente, aparecen rechamantes disparidades en canto ao número de elementos inventariados en cada municipio, de maneira que as poboacións grandes que posúen un vasto patrimonio histórico poden ocupar un espazo máis pequeno que outras localidades bastante máis modestas en canto á demografía e ao legado cultural.
A este respecto, resulta especialmente notoria a diferencia entre o municipio de Lugo, que só conta por agora con dúas entradas -referentes á Muralla romana e ao santuario tardorromano de Santa Eulalia de Bóveda, respectivamente-, e o de Begonte, onde xa están inventariados nada menos que vinte elementos. De feito, este é de momento o municipio municipio lucense máis representado no catálogo.
No seu estado actual, o catálogo inclúe un total de 81 elementos patrimoniais ubicados en territorio lucense sobre un total de 733 inventariados en toda Galicia. Estes lugares están repartidos en 27 municipios. Ademais dos xa mencionados, na lista figuran tamén os de Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, A Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Navia de Suarna, Outeiro de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Rábade, Vilalba e Xermade.
Edificios e paisaxes
O inventario comprende desde monumentos célebres, como a referida muralla de Lugo ou o santuario de Santa María do Cebreiro, ata outros elementos moito máis modestos e menos coñecidos, como é o caso dalgúns cruceiros, petos de ánimas ou fontes públicas. A lista inclúe construcións de épocas moi diversas -mámoas, castros, igrexas, fortalezas, pazos-, pero tamén paraxes naturais que posúen relevancia histórica ou cultural, como as formacións graníticas de Penas de Rodas, en Outeiro de Rei, ou a praia das Catedrais, en Ribadeo.
Dadas as caracteríticas deste catálogo digital, o número de elementos inventariados do patrimonio lucense podería aumentar de forma significativa no prazo dunhas semanas.