Omilagre, que se repite coa maior das fidelidades ao calendario cada doce meses, é de tanto mérito (e para min é tan extraordinariamente valioso) que non llo podo atribuír a un santo só, senón que teño por costume agradecérllelo a varios a un tempo. Entre os que se encontra, claro, San Rosendo. E dito isto, explícolles de qué se trata inmediatamente. Resulta que todos os anos, chegadas estas estas datas, a véspera do Día Grande das San Lucas, algo que está dentro de min, e que non debe de ser a alma senón algo parecido a esas sombras que habitan un eterno presente, entre papel e tinta, no que demos en chamar literatura, marcha a Mondoñedo, de madrugada, e co aire da noite ve chegar os caballos á capital da Última de Todas as Bretañas Posibles. Despois, mentres agarda a que o día abra, pasea polos tellados de lousa, soñando os soños que antes se soñaron dentro de cada casa. Soños de múltiples colores, como se pode imaxinar facilmente. E a continuación, cando sae o sol, polo xeral disfrazado de brétema, esa suposta sombra miña case invisible, en realidade unha mínima presenza, vailles dando os bos días aos amigos todos: a Ángeles e á súa familia enteira, que está cocendo pasteis no forno; a monseñor Cal Pardo, deán dunha catedral na que estivo Xoán XXIII cando aínda non era Papa, senón cardeal patriarca de Venecia; a Manolito Merlín, autor de modestas maxias que melloran o sabor da queimada; a Don Palacios; a Alicia, bibliotecaria dos libros eternos; a eles,á Virxe dos Remedios e a todos cantos aquí, aínda que non vaian citados por falta de espazo, quero lembrarlles ben alto, por máis que o saiban, todo o que eu lles quero.
(E recordar ademais, á súa beira, o afecto sen límites co que baixo a cálida luz do outono falaba de seu irmán Don Álvaro, en días coma estes, Carmiña Cunqueiro.)
última bretaña