Preparan as primeiras probas para modernizar o sistema de recollida
25 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O souto de Mostaz é o lugar escollido para realizar os experimentos sobre novos sistemas de recollida da castaña que o GDR Ancares-Courel ten previsto levar a cabo este outono. O obxectivo é desenvolver un método capaz de abaratar a colleita nunha zona como a Serra do Courel, onde as condicións orográficas encarecen considerablemente este labor e impiden obter un maior rendemento económico deste produto tradicional.
As experiencias efectuaranse nunha parcela cedida con esta fin por un veciño de Mostaz. Segundo explica a xerente do GDR, Raquel Zolle, os técnicos que participan no proxecto decidiron probar un sistema consistente en instalar unha serie de redes debaixo dos castiñeiros para apañar o froito segundo vai caendo da árbore. Unha máquina encárgase despois de separar as castañas dos ourizos e das follas e trozos de ramas que poidan caer nas redes.
As datas en que se levarán a cabo estas probas dependerán loxicamente do momento de maduración das castañas, polo que aínda haberá que esperar un pouco para precisalas. Máis adiante, o GDR anunciará o momento en que se realizarán as experiencias para que todas as persoas interesadas en coñecer este método poidan acudir a presenciar os traballos.
O sistema elixido para estas probas considérase como o máis axeitado para os soutos do Courel, que non só presentan o problema de estar situados na súa maioría en zonas de fortes pendentes, senón que ademais se caracterizan por unha distribución moi irregular das árbores. «Hoxe existen outros métodos para mecanizar e abaratar a recollida da castaña, pero son aptos para terreos menos empinados e coas árbores plantadas dunha forma máis regular e espaciada», sinala Raquel Zolle. «En soutos como os do Courel, o sistema máis recomendado polos expertos é o uso de redes», engade.