A bombazo limpo

Rubén Eyré

LEMOS

24 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Século de catástrofes ou continuadas guerras, o XX, rematou de maneira atroz na anterga Iugoslavia. Se ben foi certo que neste sanguiñento conflicto certas tropas exteriores xogaron un papel de relativa pacificación, habería que evaluar tamén os resultados finais e mesmo outros intereses que non sempre actuaron baixo a única procura de estabilizar a zona. Non se debe esquecer que, como única superpotencia, EEUU viuse primeiramente na obrigación moral de intervir. Pero tiña motivos superiores para facelo, tanto polo que ese territorio tiña de estrátexico como pola oportunidade que se lles presentaba para darlle un novo sentido á OTAN despois da guerra fría.

Dun xeito inevitable, fora determinismos e predicións, o XXI entrou nos mesmos camiños da barbarie. Tres guerras, xustificadas polo terrible suceso das torres no 2001, suman máis dun millón de mortos contando mulleres e nenos. Guerras que, no mellor dos casos, foron para os reis do imperialismo occidental sinónimo de fracaso e frustración. Nin sequera poden safarse delas, pese á imperante urxencia de necesitalo.

Agora Libia. De novo hai que pacificar a bombazo limpo, axudando a un exército de amañada rebelión a importar democracia como se un sistema de goberno fose un trebello máis da tecnoloxía. Pero, por outra banda, Gadafi anotou que sería mellor a morte ca renderse. Dá que pensar, aínda vindo dun dictador. Entre outras cousas, porque haberá quen teña moito que reflexionar nos erros do pasado. En épocas de monstruosa crueldade, trátase de apostar.