Un tradutor de Bob Dylan que pasea polo Fiouco

La Voz

LEMOS

07 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

dino Pacio naceu en Xemil, barrio de Bretoña. O seu paso pola escola de Cadavedo foi o primeiro dunha cadea que tivo diferentes escenarios: estudou no Seminario de Mondoñedo; logo, en Comillas, e despois, en Madrid. En Mondoñedo e en Madrid exerceu como profesor, aínda que o ambiente do franquismo non era o máis axeitado para vivir en liberdade e en 1970 decidiu marchar aos Estados Unidos.

A Universidade de Rochester foi o seu primeiro destino, aínda que por pouco tempo. Nesa cidade, que define como «rica» e na que se estaba ben, ocupouse de asignaturas como Socioloxía da xuventude ou Nova linguaxe da poesía rock. En 1971 marchou a Nova Iork, onde traballou con rapaces dominicanos, que daquela comezaban a chegar ao norte na procura dun futuro mellor. Ese traballo reflectiuse na creación do programa Inglés universitario para latinos, pensado para facilitar a integración no país partindo do coñecemento do idioma.

Escoitando a súa voz, nótase en Pacio unha certa influenza dos anos pasados en América, aínda que as expresións son as mesmas ca as empregadas por calquera de Tras da Corda: por exemplo, comenta, se o ceo está moi grs, que é un día de «néboa pecha». O contacto co inglés non só lle veu da súa ampla estadía en Norteamérica, que o levou tamén á Universidade da Cidade de Nova Iork, senón tamén da tradución de cancións de Bob Dylan, recollidas nun libro. O cantante que vén de cumprir 70 anos anunciou que os tempos estaban cambiando, e Pacio, afeito a pasear polo Fiouco, decatouse de que esa zona de monte xa non era a mesma por mor das obras da autovía.