Un oficio para o que non valía calquera

La Voz

LEMOS

07 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Veño de moi largas terras / por fin dei chegado agora / veño darlle as boas noites / a toda a xente da voda». Así comeza un dos brindos recollidos no libro-disco editado por Foxo, que foi tamén interpretado onte por José Veloso. Os casamentos eran efectivamente as ocasións en que actuaban con máis frecuencia os brindeiros, que entretiñan aos convidados con divertidas disputas a base de cantares improvisados sen recibir máis paga que un pouco de tabaco.

Durante a presentación do libro, José Veloso afirmou que para ser brindeiro «vale todo o mundo que queira» e que para iso só «hai que discorrer». Porén, Xosé Lois Foxo sinalou pola súa parte que «un brindeiro non era unha persoa calquera» e que para cultivar este xénero non só se necesitaban fortes doses de enxeño e inventiva para improvisar os cantares, senón tamén unha memoria fóra do común, capaz de almacenar e reutilizar coplas inventadas ou escoitadas moito tempo atrás. José Veloso, aos seus 82 anos, demostrou a súa capacidade memorística repetindo integramente unha disputa cantada que mantivo hai xa varios meses co brindeiro Ribeira de Louzarela.

Veloso, por outro lado, mencionou os nomes doutros antigos brindeiros da parroquia de Ferreiros dos que el e o seu irmán aprenderon este oficio. Rememorou especialmente a un cantor da súa aldea chamado Lisardo, «o maior brindeiro de todos, que botaba noites enteiras brindando e compoñendo brindos».

Diferenzas co Courel

Así mesmo, Veloso apuntou que no municipio da Pobra do Brollón os brindos tiñan certas diferenzas cos que se cantaban na Serra do Courel, onde «cambiaban un pouquiño a entonación». Durante o acto, por outra parte, Amparo Parada fixo tamén unha pequena demostración das técnicas musicais interpretando un fragmento dunha muiñeira con dúas culleres. Tanto José Veloso como Amparo Parada foron convidados a participar na próxima edición do Filandón de Músicas do Courel, que se celebrará en Seoane o 7 de agosto.

Terminada a presentación, o alcalde en función da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, agasallou a José Veloso coa figura dun gaiteiro e agradeceulle a súa contribución á cultura musical do unicipio. A petición dos presentes, o veterano brindeiro despediuse do público improvisando un pequeno cantar: «Válgame Dios de los cielos / Ferrería de Vilar / doulles un millón de gracias / aos que me veñen visitar».