«Da man de Carrasco Rouco, a Igrexa de Lugo regresa ao pasado»

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

LEMOS

Di que a elección do bispo partiu do poder xerárquico e non da comunidade

09 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Reflexionar sobre os problemas actuais e o futuro do cristianismo en Lugo é a finalidade de Penitencia pública, o libro que acaba de escribir o cura Xosé Alvilares (Axulfe, Chantada, 1928). Catedrático de Filosofía de Bacharelato e doutor en Teoloxía pola Universidad Gregoriana de Roma, o relixioso sostén que o nomeamento do actual bispo, Alfonso Carrasco Rouco, foi unha proba do «estilo caciquil e clientelar» que estende por toda España a actual dirección da Conferencia Episcopal Española (CEE), presidida por Antonio María Rouco Varela (Vilalba, 1936), que é tío do primeiro.

­-A Igrexa é unha asamblea onde, por definición, hai unha relación na que todos achegan e todos reciben. Non é un poder, non é unha xerarquía. E a Igrexa de Lugo ten que aparecer como o espazo no que todos actúan e se encontran directamente con Deus, sen que ninguén os substitúa. Pero no nomeamento do actual bispo non existiu asamblea diocesana, senón poder burocrático, eclesiástico, que se impón sen consultar a ninguén.

-¿Por que ve no futuro da Igrexa lucense «orientacións vellas» e «rumbos xa vistos»?

-Da man de Carrasco Rouco, a Igrexa de Lugo regresa ao pasado, a unha época preconciliar [anterior ao Concilio Vaticano II, aprobado no 1965 e asociado a unha visión moderna da Igrexa], xa que foi imposto por un poder xerárquico, en lugar de por unha comunidade de seguidores de Xesús.

-¿Cre logo que o actual bispo non era a persoa axeitada para unha tarefa pastoral en Lugo?

-Os pasos cos que comeza a súa andadura amosan a restauración da Igrexa como «sociedade perfecta e desigual» na que o pobo é mantido como «rabaño», en permanente minoría de idade, en lugar de como «pobo de Deus» ou como «comunidade». O día da «toma de posesión», don Alfonso entrou na catedral acompañado por case 30 bispos, á fronte dos cales estaba o seu tío, cardeal arcebispo de Madrid, e o nuncio do Vaticano en España. Todos eses bispos ían ser proximamente electores do señor cardeal para presidir a CEE. Logo, nos dous anos que seguiron, Carrasco Rouco levou a cabo unha pastoral de conservación ou seguemento das consignas da Conferencia Episcopal, dirixida polo seu tío.

-O libro deixa claras cousas cunha ironía ilustrada, baseada en citas de grandes pensadores.

-A indignación polo que ocorre transfórmase en ironía. Non é un ataque persoal contra o bispo de Lugo nin contra Rouco Varela, é un ataque, unha acción pública de crítica a unha política clerical da que somos vítimas os cidadáns da diocese de Lugo, cristiáns ou non. É o pechado inverno da Igrexa terrenal que para evanxelizar aos pobres necesita o poder dos ricos.

xosé alvilares SACERDOTE XUBILADO QUE VÉN DE PUBLICAR O LIBRO «PENITENCIA PÚBLICA»