Os expertos aconsellan dar distintos usos aos froitos grandes e pequenos
03 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A castaña courelá pode ter diferentes saídas comerciais en función do tamaño do froito, segundo indicaron os expertos que participaron nunha reunión celebrada recentemente en Seoane por iniciativa do grupo de desenvolvemento local (GDR) Ancares-Courel. No encontro participaron 22 propietarios de soutos do municipio xunto con represantantes de empresas tranformadoras e comercializadoras e de varias asociacións locais.
De acordo coas opinións expresadas neste foro -segundo indican desde o GDR-, as variedades máis pequenas que se crían na zona son as que ofrecen máis interese para comercializar en fresco por ser máis doces e por ter un sabor máis adecuado para esta forma de consumo. Estas variedades son tamén as máis aprezadas polos veciños da serra para asar nos magostos.
Os froitos de maior tamaño, dun sabor máis amargo, son considerados polos expertos como os máis aptos para destinalos á industria transformadora en forma de fariña. «Na reunión insistiuse en que hai que desbotar a idea de que a castaña grande e lustrosa é a máis axeitada para destinar ao consumo directo aínda que en principio poida ter un aspecto máis atractivo», explica Raquel Zolle, xerente do GDR.
A potenciación da industria transformadora local foi outro aspecto abordado na reunión, na que se valoraron as experiencias emprendidas recentemente polas empresas Delicias do Souto e Caurelor.
Cuestión de mentalidade
O responsable do Servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias, José Mouriño Cuba, apuntou a este respecto que para impulsar este tipo de actividades o máis importante é cambiar de mentalidade, xa que os problemas técnicos son relativamente fáciles de superar. Mouriño insistiu especialmente en que a castaña autóctona pode ter moitas posibilidades comerciais a través da transformación.