Xosé Luís, benquerido marqués

Alfonso Baamonde VILALBA.

LEMOS

García Mato non só nunca perdeu o contacto coa Vilalba natal mentres estivo fóra senón que expresou ese sentimento de saudade e nostalxia nas súas compisicións

17 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os seres humanos sempre necesitaron dun punto de apoio que lles permita dar explicación a moitos dos sucesos que escapan á racionalidade. Por elo, os fenómenos sociais, culturais e persoais permiten tratar de entender aquelo que provoca malestar nas persoas, ou formas de reacción dificilmente explicables para entender certas pautas, actitudes e necesidades vitais para o ser humano.

García Mato era un deses homes controvertidos que sempre intentaba buscar explicacións e interpretacións do mundo en xeral e do vilalbés en particular.

Vilalba era o seu lugar sagrado cos seus ritos, mitos, formas, paisaxes, personaxes, dominados polos tres pilares da idiosincrasia -a Igrexa, o Castelo e a Pravia-, que formaban parte indiscutible da personalidade dun vilalbés na sociedade e a súa perenne pleitesía á vila dos Andrade, que provocaba en Mato multitude de recordos, emocións e vivencias que el cantaba ben, facendo poesía, louvanzas aos escritores falecidos, describindo e pescudando na historia vilalbesa no aspecto de prosista, articulista, ensaísta, etcétera, desde un punto de vista sempre amoroso e romántico, cunha lírica desbordante no seu amor á vila do Amencer.

Ese amor filial por Vilalba traslúceo nun artigo que escribiu en 1965, que titula «Tercera carta de Villalba» e na que García Mato di: «...Yo soy humilde servidor de usted, ´vagabundo´ por obligación, emigrado a la fuerza, de profesión hombre, nacido villalbés y con un amor a su tierra que no se lo salta un gamo».

Carta a un curmán

Nesta época Xosé Luís estaba de escolante en Cudillero (Asturias), e tanta morriña tiña que a súa tristeza fixo que lle escribira ao seu curmán Santiago Mato con moito lamento e melancolía. Ante esta orfandade de Xosé Luís, Santiago escribe unha cantiga que titula A cantiga do emigrante , cuxa lenda é así:

Un home está lonxe da súa vila e dos seus e sente a tristura da lonxanía na súa alma, a súa naiciña e o alalá que lle cantaba ao pé do berce para adormecelo e cheo de saúde canta: «Lonxe de ti, miña vila,/ lonxe de ti, meu amor,/ lembranza de namorado/ que levo no corazón».

Ao pé do castelo

Acorda con tristura o seu fogar ao pé do castelo e di: «Casteliño de Vilalba,/ ti que me viches nacer, Casteliño de Vilalba,/ ¿verasme tamén morrer?»

Veu ao seu maxín a praza da igrexa onde xogaba de neno e suprica: «Campás da Igrexa da vila/ onde se me cristianou,/ si é que morro en terra allea/ tocade unha oración». Vólvelle a saudade da lonxanía, os ollos cheos de bágoas, acordando aos seus e á súa vila canta: «Vila de Vilalba, amada/ lévote no corazón».

Traio a colación este tema da correspondencia entre Xosé Luís e o seu curmán Santiago para poder dar a entender por qué os homes necesitan un punto de apoio que a propia racionalidade non pode explicar, como dicía ao principio.

Vilalba sempre estará en débeda con homes como Xosé Luís García Mato, de aí que é gratificante que o Iescha lle rendise homenaxe ao cumprirse os 25 anos do seu pasamento, que o nomeara Socio de Honra e non quede no esquecemento unha das figuras esgrevias da cultura vilalbesa.

Dalgún xeito a súa escrita é de vital lectura para coñecer mellor a súa condición de vilalbés. El, que louvou aos poetas e músicos, políticos, ten un posto de honra, como escribiou Manuel María, entre os poetas chairegos.

No pensamento

Querido Xosé Luís, sempre no pensamento, benquerido tío, benquerido marqués, como eu te alcumaba. Cando me presentabas a alguén, dicías: «É o meu sobriño Alfonso, pero é o meu amigo».

Iso era para min algo sublime, porque eu sentía, sinto e sentirei un fondo e profundo agradecemento á túa persoa. Sempre lembrándote, benquerido marqués. Ti ben sabes o significado. Unha forte aperta.