O último muiñeiro do Cedrón

Rodrigo Fernández
Roi Fernández MONFORTE |

LEMOS

Na parroquia monfortina de San Pedro de Valverde continúa funcionando un antigo muíño fariñeiro

19 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Muíño do Cedrón encóntrase no lugar do mesmo nome, na parroquia monfortina de San Pedro de Valverde, ao pé dunha vella casa que no seu tempo foi das chamadas de «cabezoleiros», os antigos recadadores de foros, que levaban o recollido en carros de bois cara a San Vicente do Pino.

Así o conta Manuel Ledo Rodríguez O Cedrón , o derradeiro muiñeiro da casa, que, presumindo da súa data de nacemento -25 de decembro de 1924-, conta que sempre sentiu ilusión polo muíño. Atendendo a un refrán que di que nesta vida todo aquel que fai o que lle gusta triunfa, deixou unha posible carreira millitar. «Na terra dos cegos o que ten un ollo é un rei», volta ao refraneiro para explicar que por saber ler e escribir foille fácil subir no escalafón castrense. Tamén puido ter un bo emprego en Renfe, pero voltou ao campo de onde saíra de mozo.

O muiñeiro lembra con nostalxia as caravanas de burros que traían o gran e levaban fariña. Eran tempos en que o muíño non deixaba de moer nin de día nin de noite, tempos en que non había penso e os bois e porcos cebábanse co froito da terra para alimentar unha poboación rural moito máis numerosa que a de agora. Así, as dúas moas do muíño traballaban sen parar. Unha moía para os animais e a outra para as xentes.

Muiñeiro, carpinteiro, canteiro, electricista... Hai que darlle un pouco a todo, pois o funcionamento do muíño ten moita ciencia. O oficio precisa tamén de moita experiencia e os sons das moas falan da cantidade de gran que teñen dentro. É todo un mecanismo de complexo mantemento. «Ás veces traio un carpinteiro para arranxar cousas, pero é imprescindible que eu esté alí para dirixilo», comenta Manuel Ledo lembrando o que lle pasou a seu pai cando axustou cun carpinteiro de muíños -alcumado Milmañas- un trato que lle garantía a aquel home a moenda de dez ferrados por hora. O Milmañas traballou só, cobrándolle moitos cartos a medida que obraba, e ao final a auga de saída estába a un nivel máis alto que a da entrada. Catastrófico. Entón houbo máis que palabras ao pé do río Mao.