A gardería municipal de Chantada pasará a ser de titularidade pública no vindeiro curso ao integrarase na Rede Galega de escolas Infantís, que é xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Concello xa firmou o convenio co organismo público e neste curso por fin se materializará. A intención do goberno local era adherirse á rede galega de escolas infantís xa o ano pasado, pero o cambio de goberno na Xunta provocou certos retrasos nas xestións. Polo momento, o consistorio terá que facerse cargo do persoal do centro durante os meses de agosto e setembro.
Dende o goberno local decidiron apostar por facer pública a gardería xa que consideran que a educación «debe ser un servizo público, e ofrecer así máis garantías que unha xestión privada». De feito segundo o alcalde, o dereito a educación infantil debería «prestalo a Xunta, ben a través da consellería de Educación ou a través da secretaría xeral de Familia e Benestar».
O cambio de titularidade da gardería municipal de Chantada, situada no paseo do Campo da feira, tamén suporá unha pequena redución no gasto para o Concello. Segundo o alcalde da vila, Manuel Anxo Taboada, o aforro non vai ser moi cuantioso, pero «alomenos notarase unha diminución do gasto do consistorio».
A escola infantil comezou a funcionar no 2005, durante o goberno do ex popular Manuel Varela. A empresa encargada da xestión tiña a concesión por un período de cinco anos ata xaneiro de 2010. O retraso na adhesión á rede galega de escolas infantís fixo que o Concello tivese que prorrogar a concesión un ano máis.
O cambio de titularidade da gardería infantil municipal será un dos puntos que a corporación vai tratar durante o pleno que mañá se celebrará en Chantada, no que tamén se van aprobar os días festivos locais para o municipio.
Este ano non se produciron cambios respecto ao ano pasado, polo que volverán a ser festivos en Chantada o martes 30 de agosto (día da Festa da empanada) e o luns 18 de outubro, día de San Lucas.
Oficina de turismo
No pleno, o PP vai presentar unha moción na que lle solicita ao goberno municipal que tome as medidas oportunas para abrir a oficina de información turística da Ribeira Sacra, situada na praza de Galicia. Segundo os populares, a caseta foi adquirida hai case un ano para a exposición e comercialización dos productos da Ribeira Sacra e agora que se «achega o mes de agosto e as festas patronais consideran importante a súa apertura xa que «son as datas as de maior afluencia de visitantes ao pobo».