«Os edificios antigos e grandes teñen unha acústica óptima»

Natalia Díaz CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

A igrexa parroquial de Chantada acolle esta noite o primeiro concerto do Festival Via Stellae organizado na vila. Trátase dun recital da guitarrista estradense Isabel Rei Sanmartim, que baixo o título «Galicia no Atlántico: os países celtas e o Brasil», alternará música de ambos lados do océano Atlántico. O concerto estará composto por obras tradicionais galegas, irlandesas e portuguesas.

-¿É a primeira vez que participa no festival Via Stellae?

-É o segundo ano. Participei na primeira edición do festival que se organizou no ano 2006. Nesa ocasión toquei en Arzúa e Cee. Este ano estou en Chantada e o día 26 actuarei no Colexio de Fonseca, en Santiago.

-¿Que atopará o público que se achegue ata a igrexa parroquial de Chantada?

-Será un concerto de guitarra clásica baseado nun programa de música atlántica. Haberá pezas galegas, irlandesas e portuguesas. O recital está pensando para rodear o Atlántico, polo que todos os países atlánticos que teñen algo en común están representados dalgún xeito no recital.

-¿Ten algunha complicación engadida tocar nunha igrexa?

-Ao contrario, os edificios antigos e grandes teñen unha acústica especial. De feito a acústica resulta óptima, de xeito que facilita moito a labor de tocar un instrumento. Cando se toca nun lugar cómodo, onde se escoita ben, repercute nunha maior concentración para o artista.