Monforte é a primeira localidade galega que acolle o laboratorio de divulgación científica Movilab
10 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Na praza da Compañía de Monforte foi presentado onte o laboratorio Movilab, unha iniciativa de divulgación das ciencias que promoven o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología e a Fundación Padrosa. Monforte é a primeira localidade galega onde se desenvolve este proxecto, que xa pasou antes por unha vintena de poboacións de toda España. O itinerario deste ano, que comezou o 16 de xaneiro na localidade de Lorca, en Murcia, terminará en Santiago entre os días 16 e 19.
O laboratorio, que permanecerá en Monforte ata o sábado, está ubicado nun tráiler onde se desenvolven varios experimentos de física e bioloxía comprensibles para nenos de 7 anos de idade en diante. As actividades didácticas comprenden desde experimentos coa luz ata a visualización dos fíos de ADN -extraídos da saliva dos propios participantes-, pasando pola observación de diferentes obxectos no microscopio.
As actividades diríxense preferentemente aos alumnos dos centros educativos da zona, pero tamén están abertas ao público en xeral. A visitas escolares lévanse a cabo polas mañás. Pola tarde, o laboratorio acolle visitas cada media hora -a primeira comeza ás 16 horas e a última ás 18.30- para grupos de ata quince persoas. Os nenos deben acudir acompañados por adultos.
Os percorridos do Movilab comezaron a desenvolverse nos últimos meses do ano pasado como unha experiencia piloto nun reducido número de localidades de Andalucía e Castela-A Mancha. Os lugares escollidos para as visitas son preferentemente poboacións de menos de 80.000 habitantes, xa que a iniciativa se destina sobre todo a lugares onde é máis difícil acceder a actividades de popularización da cultura científica. Non obstante, tamén pode visitar poboacións de maior tamaño se o solicitan os respectivos concellos.