«Cremos que é posible atraer clientes do norte de Europa»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

O responsable do proxecto de potenciación do turismo rural no sur lucense resalta o atractivo do patrimonio da zona

03 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Profesor de economía aplicada da Universidade de Vigo, Xavier Simón é responsable do equipo que deseñou o proxecto de desenvolvemento turístico impulsado por esta institución no sur lucense co apoio da Deputación, Turgalicia, varios concellos e outras entidades da zona. A iniciativa, anunciada en Monforte a semana pasada, pretende fomentar o aproveitamento do patrimonio cultural e as tradicións locais como recurso turístico. O próximo día 16 celebrarase en Ferreira de Pantón un acto no que este proxecto se presentará dun xeito máis detallado.

-¿O proxecto inspírase nalgunha experiencia similar realizada noutra zona?

-Non estudamos outras iniciativas deste tipo, porque pensamos que a riqueza patrimonial da zona é suficiente para soster un proxecto como este, sen necesidade de replicar sistemas xa utilizados noutros lugares. Nisto se cadra hai un certo atrevemento pola nosa parte, pero cremos que é positivo adoptar unha actitude innovadora. O fundamental é que os axentes locais entendan que ao patrimonio e ás tradicións do mundo rural se lles pode sacar máis partido desde o punto de vista turístico e económico. O subdesenvolvemento do medio rural galego é un problema en moitos sentidos, pero o seu lado positivo é que permitiu conservar moitos elementos patrimonais xa desaparecidos noutros lugares, que hoxe poden ter un grande atractivo para moita xente.

-¿As actividades previstas neste programa diríxense a algún tipo de público en concreto?

-Diríxense ao usuario típico dos establecementos de turismo rural, ou sexa, fundalmente xente do mundo urbano. Non nos dirixiremos só ao público galego, senón tamén a outras comunidades e países. No sur lucense xa hai certa experiencia neste tipo de clientela e queremos aproveitala e potenciala. A páxina web que difundirá esta oferta estará dispoñible en varios idiomas, porque cremos que hai posibilidades de atraer clientes doutros países, en particular do norte de Europa.

-¿A oferta céntrase nalgunha época determinada do ano?

-Vai centrarse na temporada baixa, porque pensamos que é precisamente esa oferta a que hai que potenciar. As hospedaxes rurais da zona xa teñen unha afluencia importante durante o verán e hai que esforzarse por incrementala nas restantes épocas do ano. Para os meses de xullo e agosto temos prevista algunha actividade, pero a maioría delas están pensadas para desenvolver durante o resto do ano. O que si funcionará ao longo de todo o ano son as rutas do patrimonio románico, que se ofrecerán todas as fins de semana desde primeiros de xullo. En canto ás demais actividades, algunhas están pensadas para que poidan realizarse unha fin de semana e outras para estadas dunha semana ou para que os clientes poidan vir máis dunha vez e facer cousas diferentes.

-¿A crise económica pode ser un obstáculo importante para proxecto turístico como este?

-Evidentemente, sería mellor que esta experiencia coincidise cunha etapa de bonanza económica, pero a crise tampouco pode paralizarnos. En épocas como esta hai que pór a mente a funcionar e buscar novas alternativas para o desenvolvemento económico. Ademais, como o investimento que require este proxecto é baixo, o risco tamén é baixo e non será difícil que polo menos se recupere o que se investiu, aínda que nós, por suposto, queremos ir máis alá diso. Non se trata dun macroproxecto que necesite grandes investimentos e que pretenda atraer a decenas de miles de persoas. Aquí xa hai unha actividade no terreo do turismo rural, xa hai unha clientela, e do que se trata é de buscar fórmulas para incrementar esa actividade e esa clientela utilizando os recursos propios da zona. Se esta experiencia ten éxito, dentro dun ano haberá un incremento nos negocios turísticos locais, un incremento que poderá cuantificarse facendo comparacións coas cifras actuais de clientes e de ingresos.