Aquí na cerna da Ribeira Sacra, no corazón de Galicia, hai nomes de rúas que se prestarían hoxe para matinar e tamén para uns minutos de humor. Pero outros zorrégannos nos ollos coma espantallos metalizados da nosa fría e «longa noite de pedra». Dun xeito lamentable, apuléiranse nestas paredes persoaxes e símbolos dun pasado esperpéntico; ademáis de batuxado con sangue.
Comecemos pola rúa «Luciano Travadelo». A gran maioría descoñece quen foi este «destacado» señor «gris marengo». Segundo parece, tratábase dun chocolateiro de Ourense a quen só dous ou tres do noso pobo coñecían. ¿Que faría entón para merecer tal distinción? Se alguén o soubese, sería de agradecer que nos poña ao día. De non resultar así, é fácil pensar que o seu valedor na corporación local puido rillar máis chocolate ca quixo naqueles tempos de pouca bonanza.
Sigamos pola «Plaza del Buen Jesús». ¿Pensan que este conxunto de palabras foi artellado en honor ao Nazareno? Sería o máis normal, dentro do que cabe. Pero non. Non van por ese lado os tiros. A idea foi outra ben distinta, aínda que co paso dos anos a ninguén se lle ocorra pensar que a intención non era esa. Cando se escriba algo serio daquelas épocas, saberemos que este Jesús da praza era de moito máis preto co que foi nado en Nazaret. Non vou ser eu quen me meta en se este nome estaría ben ou mal posto. Só dicir que é un elemento máis da ambigüidade coa que se nos querían presentar este tipo de cousas.
Vaiamos con outras de significado ben difernte. Por exemplo, «Calvo Sotelo». As novas xerazóns teñen que documentarse para saber de quen se trata. De seguir aí uns anos máis, haberá quen pense que a rúa foi adicada á ex ministra de Educación do goberno de Zapatero. (Por iso de facerse notar o paso dun alcalde socialista). En calquera caso, tamén podía estar posta a Leopoldo ou Joaquín Calvo Sotelo. Claro que ningún coma o José tivo a desgraza de ser nomeado «Protomátir de la Cruzada» pola ditadura franquista.
«Ex Combatientes» é outra na que tamén mozos e mozas terán que informárense para saber que non se refire a todos os que desafortunadamente tiveron que combater na Guerra Civil. Só aos que obedecían á forza bruta -aqueles que non convenceron, nin tiñan razón nin dereito en palabras de Unamuno- se lles recoñeceu tal descabelada loita. Os que se moveron polas liberdades, a xustiza social, a democracia, foron agasallados cun destino ben diferente. Suponse que non se necesita dicir máis para que este letreiro pasase como un relustro a engrosar os fardelos do lixo.
Atentando do mesmo modo, segue «Alférez Provisional». Esta figura foi creada polo xeneral Orgaz e instituida en setembro do 36, por decreto de «La Junta de Defensa Nacional». Por mor das baixas no éxercito franquista tiveron que recurrir a estudantes. Chamábanlles «alféreces improvisados» porque se facían en tres ou catro semanas. Eran rapaces e, quizais, vítimas da súa escura causa; aínda que a gran maioría se presentaron voluntarios, xa que proviñan da «Falange» e do partido «Requeté». De calquera maneira, hoxe son un símbolo de moi triste «recordación», como diría Celso Emilio Ferreiro. Nada pintan pendurados, aborrallando paredes nestos tempos.
Quedan outros nomes que deberían fuxir tamén das nosas vistas. Non por deixar, se cadra, intacta a sensibilidade dun par de familias se pode ferir a de milleiros de cidadáns. Pero os de urxencia son os tres últimos. «Calvo Sotelo», «ex Combatientes» e «Alférez provisional» son pantasmas que por vergoña e saúde do fel terían que desaparecer. Hai con que bautizar estas rúas; dalgunha aínda se lle lembra o seu nome natural. D. Anxel Gómez Montero ou D. Xavier Costa Clavell, ben mercentes son dun recoñecimento así.
Xa se sabe que un goberno municipal sempre ten moito que acometer axiña e que unhas cousas poden agardar mellor ca outras. Agora ben, o que non se debe é dexenerar perdendo o tempo e o norte. Digamos que hai quen non pode deixar nunha beira os valores que lle deron a súa razón de existir. Porque despois pasa o que xa pasou e puidemos ver con outro bipartito das mesmas cores. A esquerda ten que diferenciarse e non coller polo camiño de gobernar en función de irresponsabilidades e da procura duns cantos votos. Deste xeito, nin avanza nin se mantén. No caso das rúas, gobernen en consecuencia, con sensibilidade e visión de futuro. O bon froito só se recolle se primeiro foi ben sementado na terra estercada e moi coidadiña.