Tráfico cede ao Concello un vehículo para facer probas de alcoholemia, que baixaron na provincia

La Voz

LEMOS

O Concello de Lugo e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) asinaron onte un convenio de cooperación en materia de vixilancia e control dos niveis de alcoholemia nas vías públicas urbanas. Para isto, a DXT cede temporalmente á Policía Local un vehículo con etilómetro. O alcalde afirmou que «a cidadanía non debe ver neste vehículo un ánimo de recadar senón unha ferramenta para axudar aos condutores a recordar o importante que é a prudencia e a necesidade de cumprir as medidas de seguridade viaria», e engadiu «é un utensilio para garantir a seguridade de todos os cidadáns dotado dos mecanismos máis modernos para realizar as probas de alcoholemia». A DXT facilitará ao material funxible preciso para a realización dos controis de alcoholemia como boquillas, cinta de impresora e rollo de papel, líquido para libracións, entre outros materiais. A Xefatura de Tráfico comprometeuse a reparar as avarías que puidera sufrir o etilómetro, así como a realización das operacións de control metrolóxico. Pola súa banda o Concello realizará controis de alcoholemia utilizando o etilómetro e remitindo á Xefatura de Tráfico toda a información resultante das campañas que se teñan efectuado. Segundo sinalaron desde o Concello, enviaranse as resolucións firmes dos expedientes sancionadores correspondentes ás infraccións cualificadas como moi graves por condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas, que levan aparellada a suspensión do permiso de conducir. Ademais, o Concello correrá cos gastos derivados da utilización, conservación e mantemento do vehículo. Desde fontes municipais expresaron que a cesión do vehículo é unha grata noticia para a cidade para evitar as altas taxas de morte nas estradas por conducir baixo os efectos do alcol. Explican que os estudos de accidentalidade e comportamento da circulación realizados nas vías urbanas demostran a significativa participación que os excesos de alcol nos condutores teñen na produción de accidentes como na conflitividade do tráfico. Segundo estes datos faise necesario vixiar e controlar os niveis de alcoholemia no ámbito local co obxecto de incrementar as cotas de seguridade viaria. No primeiro trimestre do 2010 realizáronse un total de 131 probas de alcoholemia por parte da Policía Local, das que 22 deron resultado positivo en diferentes puntos da cidade. Segundo indicou o xefe Provincial de Tráfico, Gonzalo León, Lugo pasou o ano 2009 a ser a provincia galega onde menos positivos por alcoholemia se constataron, un 0,98% foron positivos, e «por eso dotamos al Concello de Lugo de este vehículo para continuar disminuyendo la tasa de alcoholemia al volante».