Novoneyra en versión dixital

LEMOS

Alumnos do Courel e da Estrada participan nun recital de homenaxe ao poeta a través de videoconferencia

26 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A aula de modernización e inclusión tecnolóxica de Quiroga será hoxe escenario dunha singular experiencia educativa que combinará o uso das novas tecnoloxías coa homenaxe ao protagonista do próximo Día das Letras Galegas. Os alumnos do colexio público de Seoane do Courel participarán nun recital de poemas de Uxío Novoneyra que se desenvolverá mediante unha videoconferencia e na que tamén tomará parte o alumnado de dous institutos do municipio coruñés da Estrada. En total, serán uns cincocentos alumnos os que participen nesta experiencia.

A actividade, organizada polo Centro Multimedia de Galicia, desenvolverase entre as 12:45 e as 14.25 horas e dividirase en dúas sesións sucesivas. No recital tamén tomarán parte o fillo do poeta, Uxío Novo, e os escritores e profesores universitarios Claudio Rodríguez Fer, e Carmen Blanco, especialistas na obra do poeta courelao. O lema do recital será Courel canto , que segundo explican os organizadores, sintetiza as dúas vertentes principais da obra poética de Novoneyra: o sentimento da terra e natureza e a dimensión cívica, social e política. O lema reúne o nome da terra nativa de Novoneyra, fundamental na súa poesía, e o título da súa obra Vietnam canto , que representa especialmente a súa mencionada dimensión cívica e política.

Obxectivos

A finalidade desta iniciativa, segundo indican os seus promotores, consiste en «fomentar nos alumnos participantes o desenvolvemento de diferentes competencias básicas en comunicación lingüística» e familiarizalos co emprego das modernas tecnoloxías da comunicación e da información, así como en favorecer as súas capacidades de socialización mediante o contacto e a colaboración co alumnado doutros centros educativos.

As tecnoloxías dixitais e e audiovisuais tamén está sendo utilizadas actualmente noutras iniciativas relacionadas coa difusión do legado do poeta do Courel. Por unha parte, o sitio de Internet Uxionovoneyra.com, creado por nun grupo de admiradores do escritor, está servindo para divulgar a súa vida e súa obra mediante textos e vídeos e para convocar aos participantes nunha homenaxe popular que se celebrará no Courel o 9 de maio.

Por outra parte, a a Rede Museística Provincial ofrece aos visitantes do pazo monfortino de Tor unha serie de montaxes audiovisuais sobre Uxío Novoneyra que poderán verse ao longo de todo este ano. Esta iniciativa desenvólvese baixo o lema Sombras do sono no bosco , unha frase extraída dun poema de Novoneyra dedicado precisamente a este pazo.