Aida Menéndez móstrase optimista con respecto á consolidación do Camiño de Inverno como ruta turística e cultural, que -segundo explica- cada vez está conseguindo máis apoio institucional e social. A Consellería de Cultura comprometeuse este mes a incluír a ruta nos actos promocionais do Xacobeo 2010 e a conceder axudas para completar a sinalización do itinerario, que ademais foi publicitada amplamente na recente feira turística Fitur de Madrid en colaboración co consorcio turístico da Ribeira Sacra. A estes apoios sumarase o da Cámara de Comercio lucense, que se interesou tamén por colaborar dalgún xeito na promoción do camiño.
No entanto, Menéndez lamenta que a Deputación lucense non solicitase aínda a colaboración da súa asociación para trazar os planos de promoción turística da Ribeira Sacra que pretende pór en marcha para paliar o efecto negativo da paralización dos catamaráns do Sil a causa das obras de reparación que se realizarán este ano no encoro de Santo Estevo. «O presidente da Deputación visitou hai pouco a ruta, pero de momento non nos chamaron para participar nese proxecto e a verdade é que nos parece un pouco estraño, porque o Camiño de Inverno é sen dúbida un dos potenciais turísticos máis importantes que ten esta zona», comenta a presidenta da asociación.