Un ano máis, a Asociación de Veciños de A Milagrosa celebra o seu tradicional festival de Nadal. Vai pola súa décimo sétima edición e xa é todo un clásico, non só para o barrio, senón para toda a cidadanía lucense. Así o considera Valentín Arias (Viveiro, 1944), presidente da mencionada asociación.
-¿Por que é todo un clásico?
-Porque levamos 17 anos ao pé do canón. Pasou por moitas fases e vicisitudes. De ser un festival moi pequeno, só para un colexio, foise abrindo paulatinamente aos restantes centros. Actualmente participan os tres, Salesianos, Paradai e Cervantes, que nos van ofrecer actividades de danza tradicional galega, exhibición de batuca e o xa tradicional certame literario infantil, cuns 250 traballos presentados.
-¿En que consiste?
-É un certame no que participan rapaces de dez a doce anos. Escriben sobre un tema xa dado, que nesta ocasión foi sobre as normas de convivencia, como perciben eles este aspecto. As mestras nos comentaron que escolléramos este tema porque era moi atraínte, e de feito a educación e as normas cívicas parten da base familiar e da escola.
-¿Cando será o certame?
-O día 18, no auditorio Gustavo Freire ás 19.45 horas. Contaremos tamén cos espectáculos do mago Rafa e Manuel Lamas, ademais da actuación da tuna universitaria de antigos alumnos, e da escola de gaitas de Cántigas e Frores.