López Pérez insiste en que no agro galego está prantexado un debate sobre o futuro.
-¿Hai futuro no agro?
-Haino, pero o primeiro que ten que recuperar é o sentido colectivo e a autoestima. Temos que estar orgullosos de poder ceder as explotacións aos fillos. Se somos capaces diso temos futuro; se non, non.
-¿Como valora as declaracións do conselleiro de Medio Rural sobre Pascual e as cooperativas?
-Paréceme coherente o que dixo o conselleiro coa súa posición. O importante é que os negocios funcionen e se a xente morre, uns irán ao ceo e outros ao inferno. Pero que non pense o PP que ten a partida gañada. O nacionalismo non dá por perdido o grupo lácteo galego. Cómo acabe a regueifa é outra cousa. O PP non engana a ninguén. Vive dende o mundo dos negocios cun aparato de propaganda e cun sistema de demonización: a culpa foi do bipartito, do demo dun coche, do demo dun iate...
-O PP é quen goberna, ¿non pensa que o nacionalismo perdeu a oportunidade?
-Remítome ao meu idealismo dos versos de José Afonso, o pobo é quen mais ordena. Sabemos cales son os poderes do PP, os do diñeiro, e ónde están situando ao sector lácteo. Tamén sabemos que o cooperativismo ten encima un debate moi intenso. Que neste momento as cooperativas estean nunha tensión enorme e con poucos arrestos e o conselleiro lles diga que lles retira o grifo é unha posición. Recórdolle que foi custoso sacar adiante Friarte, pero saíu.
-Pero segue a ter moitos problemas, ¿non si?
-Xa os tivo, e daquela houbo un goberno que lle deu o seu apoio que ao mellor é o que lle falta nestes momentos a Feiraco. Independentemente diso o problema de fondo é se deixamos a Galicia sen ter un peso económico dun 20-25% no sector lácteo ou non. Este é un problema político de fondo co que vimos batallando dende os anos 70 e esa guerra vai seguir. ¿Vannos dicir de Madrid este fúndese, este levantase, sexa cooperativa, prezos ou contrato homologado? Nos adiantámonos ao contrato homologado e Madrid botouno abaixo. Esa batalla segue. O acordo de Madrid quedou nun desánimo porque non se chegou a ningunha parte. Tamén cando se perderon as eleccións se pensou que aquí dentro de pouco era pecado falar galego... e veremos dentro dun ano o que pasa.
-¿Como vería que a Xunta apoiara iniciativas non cooperativas o nas que non houbera capital galego?
-Non só e unha cuestión de capital galego. Trátase de recoller, transformar e comercializar e de se esas operacións se fan dende aquí e con estratexia galega.