Un artesán da parroquia de Visuña continúa traballando coas mesmas técnicas de cestería que herdou de seu pai, empregando madeira de salgueiro e avelaira
06 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.José López, veciño da Aldea, na parroquia courelá de Visuña, compaxina o seu traballo no campo coa elaboración artesanal de cestos e cestas, unha actividade antes moi habitual no medio rural e que hoxe se conserva en poucos lugares. No seu obradoiro pódese seguir o proceso de fabricación de cestas de acordo co sistema tradicional da zona.
O primeiro paso é elixir unha madeira axeitada. José utiliza a de avelaira para tecer a cesta e a de salgueiro para facer a base. Noutros tempos, segundo explica, os cesteiros do Courel recorrían moito á madeira de carballo ou de rebolo -carballo cerqueiro-, pero estas especies non abundan moito na zona e a corta desta última especie está restrinxida. Utilizábase tamén a madeira de castiñeiro, pero hai que cocela previamente para poder traballala. A época máis apropiada para acopiar a madeira é o mes de noviembre, a ser posible con lúa minguante. Segundo o saber tradicionla, a madeira cortada neses períodos pode manterse almacenada en bo estado entre dous e tres anos. Se se corta en crecente, a madeira pode deformarse e ser atacada polos insectos.
O seguinte paso consiste en extraer a corteza das varas. Para iso prepárase unha fogueira con uces e xestas ou aprovéitase o calor do forno. Tómase un atado de varas e introdúcese no lume para tostar a corteza, de maneira que se desprenda con facilidade do resto da madeira. Se se expoñen ao calor máis tempo do preciso, acaban por romperse ao entrelazalas.
Remollo e desbastado
Despois hai que poñer as varas a remollo durante tres ou catro días para que abranden. A continuación é preciso desbastar a vara, pulindo a súa superficie e igualando o grosor por ambos lados. É dicir, hai que convertela no que se coñece como unha verga. Neste labor utilízase o chamado coitelo, una folla de acero afilada por un dos lados maiores e que ten dúas asas dispostas no sentido do corte. Finalmente, coa axuda dunha navalla, hai que repasar as vergas e alisar o mellor posible.
No momento de tecer a cesta, hai que preparar primeiro o piso ou base, chamado costelo, entrelanzado as vergas máis anchas e consistentes -de salgueiro- con outras de avelaira, máis finas, coa axuda dun martelo e un mazo de madeira. A parte superior da cesta faise con varas de avelaira ás que se deu previamente unha forma circular.