Só dous edificios do sur lucense figuran por agora no inventario das casas de escritores galegos
24 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.As casas natais dos poetas Uxío Novoneyra e Teolindo Cortiña son as únicas do sur lucense que figuran por agora no inventario de antigas vivendas de literatos que elabora a Asociación de Escritores en Lingua Galega. No catálogo aparecen actualmente as casas en que naceron ou viviron 94 escritores galegos, dos que dezaseis son nativos da provincia, pero o número podería aumentar dado que a asociación ten previsto seguir ampliando este inventario, para cuxa elaboración contou co apoio da Consellería de Cultura.
No que respecta ao sur lucense, un dos edificios que poderían engrosar este catálogo é a casa natal do poeta, narrador e ensaísta Eduardo Moreiras, situada na praza de San Martiño de Quiroga. Moreiras, falecido en 1991, foi membro da Real Academia Galicia e deixou unha persoal obra literaria na que destacan títulos como Primavera no Lor , Follas de vagar e Os nobres carreiros .
A iniciativa da AELG non se cinxe aos escritores máis recoñecidos e inclúe tamén as casas onde viviron outras figuras moito menos divulgadas da literatura galega. É o caso do mencionado Teolindo Cortiña, un sacerdote natural do Incio, falecido en 1972, que viviu moito tempo como párroco en Monterroso e asinou os seus traballos poéticos co seudónimo Antón de Sirgal. Segundo os críticos, a súa obra posúe un escaso valor literario, pero destaca polo seu uso da lingua popular. A temática dos seus versos vai desde a crítica ao caciquismo ata a loanza do franquismo. A súa casa natal encóntrase hoxe en estado de ruína, o que non sucede coa antiga vivenda do moito máis coñecido Novoneyra en Parada de Moreda, que se mantén ben conservada.
Outros casos
Ademais dos citados casos, na provincia foron xa catalogadas as casas de Fiz Vergara (Samos), Ramón Piñeiro (Láncara), Manuel María (Outeiro de Rei), Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e Luís Pimentel (Lugo), Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín), Xosé Crecente Vega (Castro de Rei), Xosé María López (A Pontenova), Evaristo Correa Calderón (Neira de Xusá), Álvaro Cunqueiro, Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro e Eduardo Lence Santar (Mondoñedo).
Os responsables da AELG sinalan que neste proxecto pode colaborar calquera persoa interesada, indicando a ubicación de antigas casas de escritores en calquera parte de Galicia. A asociación encárgase de avaliar o estado de conservación do edificio e de obter información sobre a súa propiedade. Estes datos serán despois entregados á Consellería de Cultura -recomendando a súa inclusión nos inventarios do patrimonio cultural nos casos en que se crea conveniente- e divulgados na web da AELG.