Viño e letras para un ano

LEMOS

A asociación Lugopatrimonio iniciará na Ribeira Sacra un ciclo de actividades sobre o mundo da viticultura

19 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación lucense Lugopatrimonio abrirá o próximo martes un ciclo de actividades culturais baixo o epígrafe Viño e poesía que comprenderá viaxes guiadas á Ribeira Sacra, Valdeorras, O Rosal e os vales dos ríos Douro e Côa, en Portugal. O programa desenvolverase ata o 17 de outubro e fará fincapé na relación entre as tradicións vitícolas e as literaturas galega e portuguesa.

As xornadas comezarán cunha conferencia do biólogo e enólogo Xosé Mouriño Cuba, quen falará -o día 24, ás 20 horas- sobre A Ribeira Sacra: calidade sostible no Complexo Xuvenil Lug, na rúa Pintor Corredoira de Lugo. O programa comprende tamén intervencións do escritor e profesor Antón Fortes, do enxeñeiro e empresario Xosé Posada e do enxeñeiro agrícola Xosé Fernández Anguiano, así como do escritor Lois Diéguez e Nadia Abelleira, membros de Lugopatrimonio.

A primeira excursión prevista para estas xornadas levarase a cabo o próximo día 28. Os participantes visitarán en Monforte o recentemente inaugurado Centro do Viño da Ribeira Sacra e farán unha ofrenda floral ao poeta Manuel María. O percorrido pasará tamén por Sober, con visitas á igrexa románica de Lobios, a adega Algueira, os viñedos da ribeira de Amandi e diversos miradoiros do Canón do Sil.

Outras excursións

A viaxe a Portugal levarase a cabo durante os días 1, 2 e 3 de maio e comprenderá visitas a Chaves, Mirandela, Torre de Moncorvo, Vila Nova de Foz Côa, Marialva, Longroiva, Muxagata e Pocinho, entre outros lugares. A excursión á comarca pontevedresa do Rosal, prevista para o 6 de xuño, pasará por Tui, A Guarda, Vila Nova da Cerveira, as adegas Terras Gauda e o castro de Santa Trega. En Valdeorras, os participantes visitarán o 17 de outubro as localidades do Barco, A Rúa e Petín, as adegas de Viña Godeval e a ponte da Cigarrosa.

En cada unha das viaxes, Lugopatrimonio agasallará aos participantes con poemas sobre o viño dos escritores galegos Manuel María, Ramón Cabanillas, María do Carme Kruckenberg, Luís Amado Carballo e Florencio Delgado Gurriarán, así como dos portugueses António Gomes Leal, Florbela Espanca, Miguel Torga, Carlos Maria de Araújo, Luís Veiga Leitão e António Cabral.

Para cada viaxe haberá un máximo de cincuenta prazas. Para apuntarse á primeira excursión, os socios de Lugopatrimonio poderán facelo o próximo día 23 na galería Sargadelos de Lugo, entre as sete e as oito da tarde. Os non asociados poderán inscribirse o día seguinte, de seis e media a oito da tarde, no mesmo local en que se ofrecerá a primeira conferencia do ciclo.