Catro filmes relacionados co sur lucense figuran nun ciclo que empezará en Monforte o próximo día 26
17 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O quinto ciclo cinematográfico Cinemas Dixitais, que se desenvolverá en Monforte entre o próximo día 26 e o 22 de xuño, recuperará varias películas relacionadas co sur lucense. O programa, promovido pola Consellería de Cultura, desenvolverase este ano baixo o lema O pequeno é fermoso e comprende a proxección de 135 curtametraxes galegas realizadas entre os anos 1985 e 2006.
Entre estas películas figura O desexo , dirixida por Miguel Gato e filmada en 1994 en Quiroga e A Pobra do Brollón, coa participación de veciños destas localidades. Tamén foi realizado no sur lucense o filme Isolina do Courel , dirixido en 1996 por Chema Gagino. É diferente o caso de Lobos , que se rodou en Ferrol no 2004, pero foi dirixido polo monfortino Dani de la Torre. A Serra do Courel é tamén o escenario de Danza na terra , unha produción experimental dirixida por Xosé Vilaboy no 2006.
As proxeccións deste ciclo divídense en vinte bloques temáticos. O día 26 proxectarase o bloque Nos límites da realidade , formado por cinco pezas documentais. O 2 de febreiro proxectarase a serie Bailando baixo a cámara , formado por Danza na terra e outras seis curtametraxes. O día 9 poderá verse o bloque Aventura no laboratorio , con oito pezas de carácter experimental. A serie Obxectos persoais, que se proxectará o 16, reúne catro obras de contido biográfico. O 23 será o turno de Espazos sentimentais , un grupo de seis películas baseadas en obras literarias, entre as que está O desexo .
Outras series
En marzo, as proxeccións ofreceranse os días 2, 9, 16, 23 e 30. Nestas sesións veranse respectivamente os bloques A xauría humana , con sete obras sobre a Guerra Civil; Día de campo , con seis curtas de temática rural entre as que figura Isolina do Caurel ; As costuras dos lenzos , que recolle cinco filmes de temática feminina; Os nenos do paraíso , seis obras sobre o mundo da infancia e da xuventude, e Gargalladas e outras patoloxías , con cinco comedias.
En abril, as sesións desenvolveranse durante os días 6, 13, 20 e 27. A primeira sesión estará dedicada a un novo bloque de comedias, con seis filmes; a segunda será para Sangue fácil , con catro obras do xénero gore ; a terceira para Infernos na terra , un conxunto de cinco dramas; e a cuarta para Fíos de suspense , que inclúe Lobos e outros catro filmes.
Os días 4, 11 e 18 de maio proxectaranse Viaxes a outros mundos , cinco pezas de fantasía; A lingua animada , con sete obras de animación sobre a cultura galega, e 3 dimensións , con doce pezas de animación. Entre días 1, 8 e 22 de xuño ofreceranse en total 29 obras de animación en plastilina, animación en dúas dimensións e animación experimental. Todas as proxeccións serán na Casa de Cultura.