«Conceder a copa a cidade é recoñecer o traballo co voleibol»

LEMOS

Martínez considera que conquerir o título o domingo suporía escribir unha nova páxina no libro de ouro do deporte local

06 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos promotores do voleibol en Monforte, Manolo Martínez, vivirá este fin de semana con orgullo e emoción a celebración da Copa da Princesa. O director técnico do clube considera que este torneo aínda dará máis realce ao traballo que se está a facer coas categorías inferiores.

-¿Como se presenta a copa?

-É unha satisfacción. Conceder a copa a Monforte supón recoñecer a consolidación do voleibol na nosa cidade. A afición necesitaba para volcarse de novo con este deporte que o equipo loitase por algo, e este ano farao pola copa e pola liga, co correspondente ascenso.

-¿De que maneira repercutirá en Monforte?

-Estes días a cidade saíra nos medios de comunicación todos os días, incluso nos nacionais. O Ribeira Sacra leva o nome de Monforte por toda España, o que a veces é ignorado polas autoridades. Se comparamos o que o noso equipo lle da a esta cidade con outros conxuntos a outras vilas, non somos correspondidos.

-Como técnico, ¿ve posibilidades reais de ganar o torneo?

-Se as lesións nos respectan, podo dicir, que temos un dos equipos mais completos dos últimos anos, con deportistas moi integradas e unidas. Ademais, están xogadoras moi vinculadas con Monforte, que senten de verdade a camiseta. Isto é un plus a maiores. Temos posibilidades de levantar a Copa da Princesa, porque os tres equipos que chegan a este torneo, xa lles gañamos na liga.

-Isto será un espello idóneo para que as categorías inferiores se motiven aínda máis.

-Hai tres anos, o presidente do clube, Xosé Ramón Martínez Mareque, propúxome retomar o traballo coa base, que estaba un pouco parada, e que serviría para volver traer aos aficionados ao polideportivo. Así o fixemos, e xa recollemos os froitos, posto que as infantís foron sextas de España e mantemos a varias deportistas cadetes na selección galega. Hai algunhas xogadoras que teñen moitas opcións de chegar a primeira plantilla.

-¿Tivo que recurrir a axuda?

-Os éxitos non serían posibles sen o traballo que fan de maneira totalmente desinteresada Carlos Carballo e Carlos Nogueiro. Son dous técnicos moi comprometidos coa base.

-Desde que empezou vostede co voleibol no ano 1985, ¿como ve actualmente este deporte?

-O volei está por enrriba das súas posibilidades. Houbo algún personaxe que se quixo facer famoso a conta deste deporte, e o que fixo foi romper o mercado. Isto levou a creba a moitos equipos. Son poucos os conxuntos que están o día.

-¿Que lle pide a afección?

-Que siga respostando como na competición de liga e que na copa transmita unha imaxe de apoio. Pódenos axudar a conquerir a Copa da Princesa. Pídolle o apoio que algunhas institucións non dan.