Fomento mellorará a entrada ao castelo quirogués, pero o Concello non prevé unha restauración integral
23 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Para finais deste mes está previsto iniciar a execución das expropiacións de terreos para mellorar os accesos á estrada N-120 no municipio de Quiroga. Esta actuación do Ministerio de Fomento comprenderá a construción dunha vía de servizo que permitirá o acceso ao castelo de Torrenovaes, en cuxas proximidades se habilitará ademais unha explanada que permitirá o estacionamento de buses. A pesar destas melloras na accesibilidade ao monumento, o Concello de Quiroga desbota por agora a posibilidade de acometer unha restauración integral do monumento, por considerala demasiado custosa e complicada.
«Non é por falta de vontade, senón de medios», comenta a este respecto o alcalde Julio Álvarez. O rexedor sinala que a restauración do castelo requeriría un investimento importante e o goberno local ve difícil conseguir por agora unha axuda económica tan custosa. «Por poñer un exemplo, na restauración da igrexa de Hospital, que non é un edificio moi grande, investíronse xa cerca de 150.000 euros e agora van gastarse en torno a outros 13.000 euros», explica. «Non fixemos un cálculo do que custaría rehabilitar as edificacións de Torrenovaes, pero a cifra sería sen dúbida bastante máis elevada e non é fácil conseguir axudas tan cuantiosas», engade.
Acondicionamento
A última intervención efectuada en Torrenovaes, no ano 2003, consistiu nunha serie de operacións de limpeza e acondicionamento. A construción foi liberada da maleza e dos cúmulos de entullo que impedían a circulación dos visitantes polo seu interior, ao tempo que se instalaban diversas varandas de seguridade e se reparaban algunhas escaleiras e outros elementos que podían ser problemáticos, pero a intervención non foi moito máis alá. Nesa época, o Concello barallou a posibilidade de instalar no castelo unha oficina turística, pero o proxecto foi desbotado a raíz de que o consorcio de turismo da Ribeira Sacra decidise abrir un punto de información para visitantes na propia vila de Quiroga.
Desde que remataron as obras de acondicionamento, o castelo pode ser visitado sen impedimento algún, pero o histórico edificio continúa en ruínas. Polo momento, as previsións dos responsables municipais é que seguirá no mesmo estado durante bastante tempo, aínda que as obras que vai realizar Fomento mellorarán os accesos e facilitarán as visitas turísticas.
O castelo de Torrenovaes ofrece un especial interese histórico por ter sido durante moito tempo o centro administrativo da Encomenda de Quiroga, un amplo territorio que foi gobernado pola orde militar de Malta desde o século XII ata o XIX. A fortaleza foi durante boa parte da súa historia a residencia dos comendadores que administraban este territorio.