«A subida do prezo do pan vainos afectar porque se consumirá menos»

LEMOS

05 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Felipe Grande ten 47 anos e leva 32 traballando como panadeiro na panadería Carud, en Monforte, un negocio familiar con máis de cen anos de historia na cidade. Hai dez persoas empregadas, para elaborar a diario pan, pizzas, empanadas, dóces e bollería, cun horario de traballo ben duro, dende as dúas da mañá ata as dez da noite.

-¿Que método emprega para cocer o pan?

-Seguimos mantendo o método tradicional, polo que temos tres fornos de leña. Empregamos sobre todo leña de carballo, pero tamén de amieiro.

-¿Consúmese o mesmo pan agora que antes?

-Non, agora hai formatos distintos. Cada vez consúmese menos pan. Ademais, as familias son máis pequenas. Antes mercaban moitos bolos de 2 quilos, mentres que agora se piden de 50 gramos.

-¿Empregan fariña do país?

-Elaboramos pan con trigo e centeo. Tamén mercamos o gran para moelo no muíño de Tuimil, en Bóveda, pero a fariña costa o dobre, polo que este pan sae moito máis caro. Por iso facemos pouca cantidade con fariña do país.

-¿Cre que afectará a subida de prezos ao consumo de pan?

-A fariña xa subiu moito, conto que neste mes subirá o pan. O aumento de prezos vainos afectar porque se consumirá menos e a xente vai aproveitar máis o pan, no canto de tiralo ou darllo aos animais cando estea duro.