«Por riba das siglas está o sentido común»

La Voz LA VOZ | MONFORTE

LEMOS

Entrevista | Lucía Vázquez

21 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

La abogada Lucía Vázquez repite por segunda vez consecutiva como candidata á alcaldía de Monforte. Esta vez, baixo as siglas do Partido Galeguista. Esta formación ten organizado o seu mitin para este xoves ás oito e cuarto no edificio multiusos. -¿Con que expectativas se presenta? ¿Queren ser claves nunha situación sen maioría absoluta? -No momento actual non hai nada gañado. Non creo que haxa ningunha maioría absoluta, así que cabe a posibilidade de ser chave, pero tamén que teñamos resultados que nos permitan gobernar -¿Chave para pactar con calquera? -Non hai nin rencor nin cariño cara ningunha sigla. Pero esixiremos o cumprimento íntegro do noso programa. -Nestas eleccións case todos reivindican a herdanza de Celestino Torres. Vostede non. -¿Pero cal é a herdanza de Celestino Torres? Os votos son de cada un, e cada un exerce o seu dereito ao voto libremente. Non me consta que esa suposta herdanza estea inventariada, así que non ten sentido reivindicala. O que si digo é que son a única en Monforte que ten as siglas de Iniciativa Galega, e reivindica a fusión de Iniciativa Galega co Partido Galeguista. -¿Ten apoios dentro do Partido Popular? -Non lle pecho as portas a ninguén. Se hai xente do PP que non está de acordo coa maneira na que agora se entende a democracia interna no seu partido ou que está máis conforme co noso programa, que nos voten. Por ribas das siglas está o sentido común. Pero iso vale igual para xente do PP, do BNG ou do PSOE. Que miren o noso programa e o comparen cos outros, e verán que é o máis serio, como demostra que nolo están copiando. -¿Que llelo copian? -Si. Por exemplo, a idea dos viveiros de empresas, que agora parece que todos a reivindican a pesar de que non a metesen nos seus programas. A nosa proposta é moi concreta: ceder durante tres ou catro anos locais, que poden estar nas instalacións de Renfe, a xente que queira crear empresas. A creación de emprego é o eixo fundamental do noso programa, porque o problema fundamental de Monforte é a despoboación, que é unha consecuencia directa da falta de traballo. Tamén queremos promocionar un polígono industrial agrario, implantar unha rede wifi gratuita en todo o municipio. Invito á xente a que nos dean a confianza suficiente para levar a cabo o que é o proxecto máis serio para Monforte.