A Ribeira Sacra será visitada por 160 xubilados de toda Galicia entre maio e xuño A iniciativa conta co apoio do Concello de Monforte e da Vicepresidencia da Xunta
02 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?ntre o próximo día 7 e o primeiro de xuño levarase a cabo por primeira vez no sur lucense un programa de turismo rural para a terceira idade impulsado pola asociación Lugosur co apoio do Concello de Monforte e da Vicepresidencia da Xunta. Durante este tempo, 160 persoas de diversos puntos de Galicia, repartidas en grupos de corenta, realizarán estadías turísticas na zona dunha semana de duración. Os participantes inscribíronse neste programa despois de ser informados por Vicepresidencia a través das residencias e centros para maiores existentes en toda a comunidade. O programa, que foi presentado onte polo alcalde Severino Rodríguez e polo presidente de Lugosur, Juan Carlos Prado, xunto con outros membros desta asociación, ten por obxectivo corrixir a chamada desestacionalización, é dicir, fomentar a utilización dos servizos turísticos da zona durante as temporadas baixas. Rodríguez cualificouno como «un proxecto con garantía de éxito» e manifestou a súa confianza en que seguirá a desenvolverse durante os próximos anos. «A idea é animar á xente maior de toda Galicia a coñecer a Ribeira Sacra da mesma maneira que van de viaxe a Benidorm e a outros lugares. Para esta experiencia piloto xa se apuntou un número de persoas considerable e seguro que moitos quererán repetir, ademáis de animar a outros a vir aquí de visita», engadiu. Pola súa parte, Prado sinalou que esta idea -formulada inicialmente por Lugosur- tamén vai ser aplicada noutras zonas de Galicia, como a Costa da Morte e o sur de Pontevedra co nome xenérico de Galicia natural . Itinerarios De acordo co programa que foi exposto por Juan Carlos Prado, os participantes nesta primeira edición iniciarán as súas estadas os luns cunha comida nun restaurante da zona e unha visita ao Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao. Na segunda xornada farán un percorrido polas rutas do románico de Pantón e O Saviñao, comerán no Parador de Monforte e pola tarde visitarán o miradoiro de Cadeiras, en Sober. O itinerario do terceiro día comprende visitas aos obradoiros de olería de Gundivós e ás adegas da denominación Ribeira Sacra e unha viaxe en catamarán polo Canón do Sil. Ao día seguinte, os visitantes percorrerán os monumentos e museos de Monforte e visitarán o pazo de Muíños de Antero e unha fábrica local de calzado. Finalmente, o vernes almorzarán na casa onde estean aloxados e emprenderán a viaxe de regreso. Os visitantes aloxaranse en casas de turismo rural da asociación Lugosur e comerán en establecementos igualmente encadrados nesta entidade. Juan Carlos Prado sinalou que os participantes no programa serán repartidos en establecementos hostaleiros de toda a zona sur. «Á hora de trazar os itinerarios e as actividades tamén tivemos coidado de que englobasen os principais lugares de interese destes municipios», agregou