Obxectos pequenos elaborados con material dunha calidade comparable á do sílex

La Voz

LEMOS

20 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?s artefactos prehistóricos encontrados en Valverde distíguense dos que apareceron recentemente noutras partes do sur lucense pola calidade do material con que están elaborados moitos deles. Trátase dun tipo de cuarcita, denominada de gran fino, que se presta a unha maior sofisticación na talla. «É unha pedra de moita calidade, moito máis fácil de traballar que outras cuarcitas máis bastas, e que pode tallarse case tan ben como o sílex», explica Arturo de Lombera. A semellanza do famoso sílex, esta cuarcita escura -ás veces matizada con bandas vermellas- permite tallar uns fíos de notable resistencia e capacidade de corte. As pezas achadas esta semana, dado o seu excelente estado de conservación, presentan unhas aristas singularmente finas e nítidas. As demais pezas están talladas sobre cuarzo, un material utilizado con frecuencia no Paleolítico, pero dunha calidade bastante menor. «O cuarzo non se talla tan ben como a cuarcita fina, porque normalmente presenta unhas fisuras internas que o fan romperse dunha forma irregular», apunta De Lombera. Datación difícil Os obxectos que forman este novo conxunto encádranse no tipo coñecido como lasca e non presentan características que permitan atribuirlle unha idade determinada. «Poderían proceder talvez do Paleolítico Medio, pero de momento é moi difícil asignarlles unha cronoloxía concreta, porque os obxectos desta clase poden pertencer a épocas moi diferentes», sinala a arqueóloga Talía Lazuén, que coordina a campaña de investigación xunto con Arturo de Lombera e Xosé Pedro Rodríguez. As lascas son ás veces simples residuos da elaboración de artefactos de maior tamaño -os pedazos sobrantes que quedan despois de tallar un determinado útil-, pero tamén podían aproveitadas para elaborar ferramentas máis pequenas. No caso dos artefactos de Valverde, aínda será preciso estudalos con máis detalle para determinar a súa natureza.